Foxen logo de verse implicados nun accidente con tres feridos na autovía do Barbanza
Unha nai e dous fillos foron trasladados ao hospital
O sinistro foi á altura do concello da Pobra do Caramiñal
Un accidente de tráfico na AG-11, na autovía do Barbanza, obrigou ao traslado dunha nai e os seus dous fillos ao hospital do Barbanza. O sinistro foi á altura do concello da Pobra do Caramiñal. Ademais do coche en que viaxaban os feridos, houbo outro vehículo implicado no sinistro que quedou encaixado na barreira de seguridade e cuxos ocupantes fuxiron.
Estaba adiantando un coche. Amodo non ía, e cando quixo volver ao seu carril, calculou mal a manobra e quedou encaixado na barreira de seguridade.
Contouno unha testemuña, un condutor que viu a manobra ao lonxe. O susto foi importante.
"A situación na que quedou o vehículo facía temer o peor. Dixéronnos que había dous turismos implicados e que podía haber atrapados. Ao chegar alí comprobamos que un Toyota Avensis estaba encaixado no quitamedos da autoestrada", explica Francisco Manuel Sampedro, o xefe do Parque de Bombeiros de Boiro.
Pero quixo a fortuna que nin atrapados, nin feridos... nin ocupantes. Os dous homes que viaxaban no Toyota baixaron polo seu pé, e coa mesma fuxiron monte a través.
"É máis habitual do que se pensa que cando chegamos a accidentes os afectados xa non estean no vehículo nin nas inmediacións, é dicir, qeu fuxiron", engade Sampedro.
O habitual é que para evitar ou atrasar o control de alcol e drogas. Pasadas unhas horas, imposible demostrar nada. A Garda Civil si ten identificado o condutor, un veciño de Ribeira, coñecido na zona e non por ben.
Non só eles tiveron sorte. Antes de se esnafrar o turismo golpeou outro coche, xusto ao que adiantara, no que viaxaban unha muller coas dúas fillas. Tamén elas son de Ribeira. As tres foron derivadas ao hospital do Barbanza, pero sen feridas importantes. Foi máis o susto, que hoxe seguro que lles dá que falar na cea familiar.
O 112 Galicia informou de que recibiu varias chamadas de particulares alertando do accidente. Desde a sala de operacións deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Ribeira e de Boiro, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil.