Publicador de contidos
Publicador de contidos

Suba de Salarios en Alemaña e o seu impacto nas hipotecas na Eurozona, por María Loureiro

OPINIÓN

Suba de Salarios en Alemaña e o seu impacto nas hipotecas na Eurozona, por María Loureiro

G24.gal 24/05/2024 08:05

A inflación da zona euro en 2024 experimentou algunhas variacións ao longo do ano. Segundo Eurostat, a oficina estatística da Unión Europea, a inflación anual chegou ao 2,4 % en abril de 2024, o que representa un estancamento con respecto á rexistrada en marzo, mentres que a inflación nalgúns países como España está case un punto por riba, no 3,3 %. Esta relativamente boa evolución do IPC na eurozona esperábase que producise reducións dos tipos de xuro que fixara en xuño o Banco Central Europeo. Con todo, pode haber atrasos nunha posible baixada de 0,25 puntos, que inicialmente se daba por feita.

Que preocupa entón ao BCE para mandar mensaxes solicitando paciencia aos mercados? O problema fundamental co que se atopa o BCE é o incremento significativo dos salarios na eurozona, e especialmente en Alemaña, cun aumento récord do 6,6 % no segundo trimestre do 2023, está a complicar as expectativas de baixadas de tipos de interese por parte do Banco Central Europeo (BCE). Este aumento, que supera a inflación do 6,5 % no mesmo período, xera presións inflacionarias, dificultando a implementación de políticas monetarias expansivas que poderían reducir os tipos de interese e, polo tanto, as hipotecas en Europa.

Aínda que é certo que para que os traballadores non perdan poder adquisitivo de forma severa é necesaria a actualización dos salarios, o consecuente ciclo de retroalimentación ou o que se chama inflación de segunda rolda é un risco importante no proceso. Este ciclo de retroalimentación xorde cando a consecuencia de aumento dos prezos, os traballadores premen para aumentar os seus salarios, o que se traslada nunha demanda de produtos máis alta, e como consecuencia tamén aumentan os custos de produción das empresas, que logo volven ser trasladados aos consumidores, e así sucesivamente, xerando un ciclo vicioso.

Ademais, e segundo indican os datos, a economía segue crecendo a bo ritmo na eurozona, a pesar de que o acceso ao crédito é moito máis caro que antes da covid-19, o cal parece indicar que as empresas están aguantando bastante ben a pesar de ter uns xuros tan altos. Isto pode facer tamén que o BCE non se sinta premido cara á necesidade de inminentes recortes das taxas de xuro.

Outra circunstancia que pode facer reflexionar o BCE é o feito de que o seu homólogo nos EUA, o Federal Reserve Bank, está considerando pospoñer a baixada de tipos porque a inflación non baixa tanto como se esperaría.

En resumo, e aínda que pareza sorprendente, os aumentos dos salarios de Alemaña acaban afectando ata os xuros das hipotecas que se pagan en España. E cal é a consecuencia de manter tipos de xuros altos no mercado inmobiliario español? Pois, como xa falamos, complica máis o acceso á vivenda de colectivos con menos rendas, especialmente a xente moza, ademais de seguir mantendo cotas altas para os compradores con hipotecas variables. E dicir, loitar contra a inflación tamén ten un custo alto para os consumidores…

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar