O BCE cumpre co esperado polos mercados e mantén os tipos de xuro no 2 %
Optou por seguir á espera despois de deter en xuño o ciclo de flexibilización que recortou o prezo do diñeiro en 200 puntos básicos mediante oito axustes á baixa
O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu este xoves cumprir co guión e manter de novo sen cambios os tipos de xuro, de forma que a taxa de depósito (DFR) seguirá no 2 %, a de referencia para as súas operacións principais de refinanciamento (MRO) no 2,15 % e a da facilidade marxinal de préstamo (MLF) no 2,40 %.
Tal e como daban por descontado os mercados, o BCE optou por seguir á espera despois de deter en xuño o ciclo de flexibilización que recortou o prezo do diñeiro en 200 puntos básicos mediante oito axustes á baixa, os últimos sete de forma consecutiva.
"O Consello de Goberno decidiu hoxe manter sen variación os tres tipos de xuro oficiais do BCE. A inflación continúa en niveis próximos ao obxectivo do 2 % a medio prazo e a avaliación polo Consello de Goberno das perspectivas de inflación practicamente non variou. A economía seguiu crecendo pese á difícil contorna internacional", explicou o instituto emisor.
A taxa de inflación da eurozona situouse en setembro no 2,2 % interanual, dúas décimas máis ca o mes anterior, mentres que no conxunto da Unión Europea o incremento foi do 2,6 %, dúas décimas máis tamén.
A evolución dos prezos na área da moeda común foi reflexo do abaratamento do 0,4 % no custo da enerxía fronte ao retroceso do 2 % de agosto. Os alimentos frescos encareceron un 4,7 %, oito décimas menos.
Ao descontar o impacto da enerxía, a taxa de inflación mantívose estable por quinto mes seguido no 2,5 %, aínda que, de excluírse, ademais, o custo dos víveres, alcol e tabaco, a subxacente repuntou unha décima ao 2,4 %.
Entre os países da UE, os maiores aumentos corresponderon a Romanía (8,6 %), Estonia (5,3 %) e Croacia e Eslovaquia (4,6 %). Por contra, as menores subidas observáronse en Chipre (0 %), Francia (1,1 %) e Irlanda e Grecia (1,8 %). No caso de España, a inflación acelerouse tres décimas, ao 3 %.