Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Reserva Federal baixa os tipos de xuro en 25 puntos básicos tras nove meses conxelados

A Reserva Federal baixa os tipos de xuro en 25 puntos básicos tras nove meses conxelados

O prezo do diñeiro sitúase entre o 4% e o 4,25% e a entidade mantén a incerteza sobre a evolución económica

O recorte non foi unánime: Trump presiona por baixadas máis drásticas

Jerome Powell, presidente da Reserva Federal. REUTERS/Elizabeth Frantz Jerome Powell, presidente da Reserva Federal. REUTERS/Elizabeth Frantz
G24.gal 17/09/2025 21:01

O Comité Federal de Mercado Aberto (FOMC) da Reserva Federal dos EUA decidiu este mércores recortar os tipos de xuro en 25 puntos básicos, situándoos no rango do 4% ao 4,25%.

O movemento prodúcese tras cinco reunións consecutivas nas que a institución mantivera o prezo do diñeiro conxelado desde xaneiro, e logo de tres baixadas previas iniciadas en setembro de 2024.

No seu comunicado, a Fed sinalou que a actividade económica se moderou na primeira metade do ano. A creación de emprego amosou unha desaceleración, a taxa de paro subiu lixeiramente, aínda que se mantén baixa, e a inflación segue elevada. A entidade recoñeceu que a incerteza sobre as perspectivas económicas continúa a ser “alta” e comprometeuse a seguir de preto os riscos sobre o mercado laboral e os prezos.

O banco central avanzou que está “preparado” para novos axustes se fose necesario, atendendo aos datos sobre emprego, inflación, expectativas futuras e os efectos de acontecementos internacionais e financeiros. Pola súa banda, mantivo sen cambios a súa estratexia de redución do balance, coa excepción de 40.000 millóns de dólares mensuais en reinvestimentos entre bonos do Tesouro e titulizacións hipotecarias.

Voto dividido e presión política

A decisión non contou coa unanimidade do FOMC.

O recentemente incorporado Stephen Miran, designado por Donald Trump, defendeu unha baixada máis agresiva de 50 puntos básicos. A súa postura reflicte a presión do presidente republicano sobre o líder da Fed, Jerome Powell, a quen acusa de manter unha política demasiado restritiva.

Outros gobernadores próximos ás teses de Trump, como Michelle Bowman, vicepresidenta de Supervisión, e Christopher Waller, apoiaron o recorte dun cuarto de punto.

Bowman foi nomeada polo mandatario republicano e Waller figura nas quinielas para suceder a Powell cando o seu mandato expire en maio de 2026.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade