O BCE recomenda dispor de cartos en efectivo como "roda de reposto" ante unha crise
O Banco Central Europeo considera que a pandemia ou a apagada eléctrica demostraron que é un seguro
Estados como Austria, Francia ou Países Baixos aconsellan ter cartos nun posible kit de emerxencia
Podemos sobrevivir sen efectivo? En moitas ocasións non é necesario levar enriba diñeiro físico, incluso poden pasar días enteiros. Pero o Banco Central Europeo alerta de que en determinadas circunstancias pode chegar a ser imprescindible.
O último boletín do organismo analiza a importancia que tivo o efectivo nas últimas situacións de crise, como a pandemia da covid, a invasión de Ucraína ou a apagada eléctrica de abril. Din os economistas que neses episodios quedou demostrado que dispor de moedas e billetes se converteu nun seguro, tanto no nivel físico como no psicolóxico. O BCE di que o efectivo é unha "roda de reposto" da economía.
En España, como no resto de Europa, a xente leva cada vez menos cartos enriba. A última estatística do Banco de España dicía que o 57 % dos adultos usa diñeiro físico a diario, tres puntos menos ca un ano antes. A cantidade media tampouco é moi alta, 46 euros por persoa.
A maioría dos negocios aceptan pagamentos con tarxeta ou outros sistemas electrónicos pero algúns manteñen a esixencia de cobrar en efectivo. A lei non obriga a admitir tarxetas, pero hai un límite: para operacións a partir de 30 euros, con algunhas excepcións, os establecementos si están obrigados a ofrecer métodos de pagamento alternativos ao efectivo.