Dispárase a demanda de gasóleo de calefacción
As gasolineiras non poden garantir un prezo estable máis alá de 24 horas pola volatilidade dos mercados
Encher un depósito de calefacción custa hoxe 400 euros máis que hai unha semana
As gasolineiras teñen problemas de abastecemento
"Non é normal que nesta época entren tantos pedidos de gasóleo C, para calefacción, non é nada normal", apunta Marcos Moreira, xerente de Combustibles Otero.
Levan toda a semana traballando arrreo e nin con esas dan abasto para servir a todos os clientes que estes últimos días queren encher os depósitos da calefacción. E é que dende que comezou o conflito en Oriente a escalada de prezos se deixou sentir tamén no gasóleo C. Encher un depósito de 1.000 litros custa 400 euros máis que hai 7 días.
"O venres estábase vendendo o gasóleo de calefacción a 89 céntimos o litro e hoxe estase vendendo a 1,30 céntimos o litro", explica.
Hai traballo fóra, na repartición, pero tamén dentro das oficinas, onde os teléfonos botan fume.
"Hai momentos que temos que parar de coller o teléfono para poder organizar".
"O prezo está a un con trinta e a entrega de momento estamos collendo pedidos para luns, martes. Teriamos que dar o prezo un día antes da subministración", informa un comercial da gasolineira a un cliente.
O prezo sobe dun día para outro e ata os distribuidores teñen problemas de conseguir gasóleo nos mercados grosistas
"Cada día está subindo o prezo de compra e non hai todo o produto que un quixera ter. Pode chegar unha hora, ás 11 da mañá, 11:30 da mañá e dicirnos xa non se vende máis, cortamos vendas", explica Marcos.
Este pico de demanda ás portas da primavera pon de manifesto o medo que hai a que o conflito se prolongue durante meses e a escalada de prezos continúe.