O ERE de Ryanair comeza a aplicarse este sábado e afecta a 63 persoas en Santiago
A súa xornada laboral redúcese ao 50% e a empresa ameaza con despedimentos de non acataren a medida
A CIG considera fraudulenta a situación que levará aos tribunais ao entender que "non existen causas obxectivas"
O ERE de Azul Handling, auxiliar de terra de Ryanair, comeza a súa aplicación este sábado 1 de novembro. No aeroporto de Santiago de Compostela afecta a 63 traballadores e traballadoras que a partir de agora reducen a súa xornada laboral ao 50%.
Así o indica a Confederación Intersindical Galega (CIG) nun comunicado no que lembra a ameaza da empresa de despediren a todo o persoal que non acepte a redución. Ademais, a partir do 8 de novembro hai comunicados 18 despedimentos.
O vindeiro luns 3 de novembro, a Inspección de Traballo de Madrid, actuando de oficio, convocou a representación social para tratar os termos do expediente regulamentario.
Na devandita reunión, o sindicato galego solicitará a nulidade desta medida por considerala fraudulenta e ademais levará esta situación aos tribunais.
"Imos impugnar o ERE en vía xudicial ao considerar que non existen causas obxectivas para os despedimentos nin as reducións de xornadas", explica o secretario da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso.