Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nesta fin de semana de Todos os Santos, as reservas hoteleiras en Galicia superan o 70 %

Nesta fin de semana de Todos os Santos, as reservas hoteleiras en Galicia superan o 70 %

Os profesionais da hostalería destacan que as reservas de última hora soen incrementar entre un 10 e un 20 % os niveis de ocupación

 O sector quéixase de que a redución na oferta de voos desde os aeroportos galegos repercute na chegada de turismo nacional e internacional

G24.gal 01/11/2025 15:15 Última actualización 01/11/2025 15:31

Falamos cun grupo de turistas que aproveitou esta fin de semana de Todos os Santos para visitar Santiago de Compostela.

"Vimos de Barcelona, pero eu son Léon, el é de Burgos e eles de Barcelona, imos pasar aquí dous días en Santiago. Imos pasar as dúas noites e aproveitar a ver a cidade, temos moita ilusión de ver a praza do Obradoiro e a comer moi ben porque en Galicia cómese que é unha marabilla", di unha turista.

Os profesionais do sector falan duns bos niveis de ocupación para esta época do ano, que poden superar o 70 por cento, e nos que inflúen evidentemente as condicións meteorolóxicas.

"Afortunadamente con este Samaín ou Halloween ou como o queiramos chamar repuntou esta fin de semana. Aquí seguramente acadaremos un 85 %, hai que estar satisfeitos con este dato", destaca José Antonio Liñares, voceiro da Unión hoteleira de Compostela.

Haberá que esperar aos datos oficiais de ocupación, unha vez pasada a fin de semana, pero desde o sector da hostalería destacan que as reservas de última hora soen incrementar entre un 10 e un 20 por cento os niveis de ocupación.

"Nos hoteis en xeral en toda Galicia, a ocupación vai estar entre o 60 e o 80 %, vai depender das reservas de última hora segundo a meteoroloxía que temos. Independentemente diso son moitos os visitantes que veñen a gozar da nosa gastronomía", engade Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.

 O sector quéixase de que a redución na oferta de voos desde os aeroportos galegos repercute na chegada de turismo nacional e internacional.

"Notamos un detrimento neses turistas internacionais posto que as conexións que temos nos tres aeroportos galegos son insuficientes, os turistas internacionais están entrando moito polo aeroporto de Sá Carneiro", asevera Cesáreo Pardal.

"É moi bo para a cidade tratar de recuperar e acadar novas conexións aéreas porque iso ao final xera un dinamismo económico importante", di José Antonio Liñares.

O perfil da maioría de visitantes desta fin de semana na nosa comunidade son principalmente familias e grupos de amigos doutras partes de Galicia e do resto de España.

 


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade