Sonia Bermúdez substitúe a Montse Tomé á fronte da selección feminina de fútbol
Tomé remataba contrato en agosto e chega ao banco un dos grandes mitos do fútbol español nas últimas décadas
A Federación Española de Fútbol decidiu non renovar o contrato da seleccionadora feminina Montse Tomé. A asturiana chegara ao equipo no lugar de Jorge Vilda despois do título mundial e de toda a polémica que houbo trala consecución do meirande éxito na historia do fútbol feminino español.
Non acabou de convencer Tomé que deixa de ser a máxima responsable. A nova inquilina do banco é Sonia Bermúdez, un dos grandes mitos do fútbol feminino español nas dúas últimas décadas. Como xogadora estivo no gran Raio Vallecano, pasou polo Barcelona e acabou no Atlético de Madrid. Tres equipos nos que acadou grandes éxitos deportivos e onde sempre foi unha das máximas goleadoras do campionato.
Unha vez retirada comezou a súa carreira como adestradora. Comezou nas categorías inferiores do Real Madrid e tamén estivo nas da selección española. Como técnica da selección sub-19 conseguiu as Eurocopas de 2023 e 2024.