Araújo e Carrera lideran a selección española no camiño do Mundial
A viguesa María Araújo foi a máxima anotadora con 15 puntos diante de Senegal e a ourensá Raquel Carrera anotou 8
A viguesa María Araújo foi unha da máximas anotadoras no segundo partido do pre Mundial que está a xogar a selección española de baloncesto en Puerto Rico. España gañoulle a Senegal por 51-84 con 15 puntos e 3 rebotes de Araújo. A ourensá Raquel Carrera tamén tivo unha boa actuación con 8 puntos en 14 minutos nun partido no que o adestrador galego Miguel Méndez aproveitou para facer moitas rotacións pensando nos vindeiros compromisos diante de Italia, os Estados Unidos e Puerto Rico.
O partido quedou resolto no primeiro tempo. Houbo unha moi boa entrada por parte da selección española que rematou o primeiro cuarto cun 13-25. Ao descanso a diferenza marchou por riba dos vinte puntos (21-42) e así puideron afrontar un segundo tempo máis relaxado. A diferenza de puntos tamén pode ser un factor decisivo para a clasificación.