O prezo do gasóleo agrícola dispárase ás portas da campaña de ensilado
O gasóleo agrícola experimenta unha suba fulminante nos primeiros días da guerra
Os fertilizantes tamén encarecen polo aumento das cotizacións do gas
Nos mercados, vendedores e clientes fanse á idea de que facer a compra vainos saír máis caro
Contaban con que a guerra se ía notar á hora de encher o depósito do tractor, pero non tanto nin tan rápido.
"O prezo de compra na cooperativa subiu 49 céntimos. Hai uns dez días estaba a menos de 90 céntimos e hoxe a máis dun euro trinta", explica Xesús Manteiga, presidente de Cobideza.
Acusan as grandes distribuidoras de especular cos prezos e mesmo bloquear a subministración para obteren máis beneficios.
"O barril subiu un 10 % e o gasóleo agrícola case un 60 %, e foi unha suba inmediata. Non hai quen xustifique esta suba en tan poucos días. Alguén está especulando e se está quedando con moitos cartos polo medio", engade o presidente.
O peor é que a escalada de prezos, que tamén afecta aos fertilizantes, chega nun dos momentos de máis actividade no agro.
"Toca fertilizar as leiras, segar a herba, ensilar, é unha época con moito gasto de combustible, vai afectar moito", di Emilio José Castro, tractorista da cooperativa.
E con esta suba nos custos de producción, a moitos gandeiros non lles saen as contas.
"A suba do gasóleo e dos derivados do petróleo, fertilizantes químicos e plásticos nos afecta moito. Porque soben os custos pero o leite non", lamenta o gandeiro Jaime Fernández Chicano.
Temen que a escalada de prezos continúe nas próximas semanas e piden medidas para amortecer o golpe.
"Ou que baixen impostos ou que controlen as multinacionais, que son as que se quedan cos cartos, as cooperativas non podemos. Ademáis pillounos comprando ao día, porque como baixe, tampouco tes xeito de facer fronte á baixada", demanda Xesús Manteiga.
Malia que esta cooperativa está a conter a suba cara aos socios, non poderá facelo por moito tempo máis. Din que non teñen capacidade de almacenaxe, nin distribuidor que a día de hoxe lles ofreza prezos razoables.