Só un imputado pola malleira grupal ás portas dun pazo de Nigrán
A agresión foi en agosto de 2020 e o mozo aínda ten graves secuelas físicas e psíquicas

Aínda non hai data para o xuízo pola brutal malleira grupal que Nacho Martins sufriu ao saír dunha festa nun pazo de Nigrán o 16 de agosto de 2020.
No auto inicial emitido polo xulgado só hai un imputado, algo que enerva ao agredido que aínda permanece autoconfinado na casa e con graves secuelas físicas e psicolóxicas.
Nada volveu ser igual para Nacho Martins desde a data da agresión. Algunhas testemuñas e os informes forenses apuntaban a unha agresión en grupo. Polo de agora só contan cunha testemuña que recoñeceu a un dos implicados, algo que indigna a toda a familia e que lle provocou unha crise a Nacho.
A vítima segue cunha dura rehabilitación e agardando novas intervencións cirúrxicas sofre cada vez que se ve nun espello.
O terror revive tamén nesta familia cando ven aos agresores preto da súa vivenda ou cando saben doutras pelexas do mesmo grupo como a que houbo hai escasos domingos nun coñecido pub de Nigrán. A nai de Nacho non desbota que haxa un acordo entre os agresores para culpabilizar só un.