Investigan a agresión cun machete en Vilanova de Arousa, supostamente por drogas
O agresor é un veciño da vila, relacionado coa venda de drogas, pero de momento non hai detencións nin denuncia
Rumoréase que foi un axuste de contas porque o ferido, do Carril, entrara roubar na casa doutro
Ocorreu nun parque ao pé do porto, á mañá, contra as nove, unha hora en que non hai demasiado movemento. Por iso, a pelexa pasou case desapercibida. Viuno, de casualidade, un cliente do bar máis próximo, que avisou dun home tirado, ao pé da escultura do mexillón.
Quedou alí, con cortes do machete en distintas partes do corpo, sobre todo na cabeza. O que pasou antes é un misterio. Coméntase que paseaba en bicicleta cando o agresor lle deu alcance nun coche. Primeiro, discutiron. Despois, golpeouno e marchou. Pero parece que o enfrontamento empezara antes.
Segundo o ruxerruxe, o ferido entrou na casa do outro pola forza e roubou, ou polo menos intentou roubar droga, o que explicaría que non queira presentar denuncia.
Os veciños están sorprendidos. Confirman que o agresor, de Vilanova, trafica polo miúdo, pero aseguran que é unha persoa pacífica. Con todo, aos seus 50 anos, é un vello coñecido da policía, por venda de drogas e tamén por outros incidentes violentos. Nunca algo tan grave.
A vítima é un veciño do Carril, tamén relacionado coas drogas. Ten 34 anos. É coñecido na vila porque hai anos traballou na carnicería do pai. Pasou unhas horas no hospital, pero xa recibiu a alta. A Garda Civil mantén a investigación aberta, pero, de momento, sen detencións.