Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cinco detidos na Coruña por estafar máis de 30.000 euros a través de tarxetas bancarias

Cinco detidos na Coruña por estafar máis de 30.000 euros a través de tarxetas bancarias

A banda apropiábase dos datos bancarios das súas vítimas e facían compras por Internet a través de tarxetas virtuais ata esgotar o crédito

A Garda Civil estima que hai 177 persoas afectadas

Os arrestos practicáronse na Coruña, Cambre, Oleiros e Culleredo

Foto: Garda Civil Foto: Garda Civil
G24.gal 29/05/2025 11:30

A Policía Nacional e a Garda Civil desarticularon na Coruña un grupo criminal dedicado a cometer estafas a través de tarxetas bancarias. Calcúlase que conseguiron apropiarse de máis de 30.000 euros. En total, arrestaron cinco persoas e investigaron outras sete nas localidades da Coruña, Cambre, Oleiros e Culleredo.

Segundo informan o 091 e a Garda Civil nunha nota de prensa, o  grupo dedicábase a adquirir datos bancarios -tarxetas de crédito e de débito- de clientes, que obtiñan a través de phishing (facerse pasar por unha entidade bancaria e conseguir datos), smishing (a través de mensaxes de texto), vishing (chamadas telefónicas) ou por filtracións de datos.

A continuación, replicaban os datos en tarxetas virtuais e facían compras por Internet ata esgotar o diñeiro das contas ou o límite das tarxetas.

Utilizaban as tarxetas con dous obxectivos: para autoconsumo, en lecer, restaurantes, vestimenta ou dispositivos tecnolóxicos, e para a compra masiva de entradas para espectáculos na provincia da Coruña, que despois revendían a terceiras persoas a través de redes sociais.

A operación, iniciada en marzo de 2024, permitiu esclarecer máis de 60 denuncias por fraude bancaria en toda España, así como outras 117 fraudes denunciadas directamente por entidades bancarias.

O valor total do estafado ascende a máis de 30.000 euros, afectando a 177 clientes e utilizando máis de 200 tarxetas.

Localizáronse prexudicados non só na Coruña senón tamén en Pontevedra, Navarra, Gran Canaria, Madrid, Zamora, Barcelona, Biscaia, Guipúscoa, Málaga, Huelva, Valencia, Cáceres, Toledo, Córdoba e Asturias. A investigación continúa aberta.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade