Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fabiola García: "Esperemos que o Goberno cumpra a norma e proceda a unha repartición coordinada e pactada"

Fabiola García: "Esperemos que o Goberno cumpra a norma e proceda a unha repartición coordinada e pactada"

"Somos solidarios? Si pero non podemos ser solidarios nestes momentos co que non temos. Non temos capacidade para acoller a 317 menores non acompañados", asegura a conselleira de Asuntos Sociais e Igualdade

G24.gal 17/07/2025 10:22 Última actualización 17/07/2025 11:57

Tras a cancelación da xuntanza da Conferencia Sectorial na que se ía tratar a recolocación duns 3.000 menores migrantes non acompañados, debido á non asistencia das comunidades autónomas gobernadas polo PP, Fabiola Garcia, conselleira de Asuntos Sociais e Igualdade, agarda que o Goberno cumpra a norma e proceda a unha repartición coordinada e pactada.

"Era o esperable", di García sobre a cancelación desa reunión que ía presidir a ministra de Mocidade e Infancia Sira Rego. "Agora, o que desexamos é que haxa un acordo para fixar unha orde do día e que haxa unha Conferencia Sectorial legal. Pedímoslle ao Goberno de España que respecte as comunidades autónomas e que volva á vía do consenso".

"A normativa é moi clara", insiste a conselleira: "Para poder proceder ao envío de todos os menores non acompañados é imprescindible e necesario que se convoque unha Conferencia Sectorial. Esperemos que o Goberno de España, por primeira vez, cumpra a norma e proceda a unha repartición coordinada e pactada coas comunidades autónomas".

Fabiola García insiste en que non aceptar a proposta do Goberno non é un acto de insolidariedade: "Somos solidarios? Si pero non podemos ser solidarios nestes momentos co que non temos. Non temos capacidade para acoller 317 menores non acompañados. Necesitamos consenso, planificación, recursos e tamén cartos para poder soster estes 317 menores non acompañados".

Galicia, xunto a outras autonomías gobernadas polo PP, amais de Castela-A Mancha, recorreu contra o decreto de repartición ante o Tribunal Constitucional: "Cremos que é inconstitucional e esperemos a sentenza e que pasa a continuación".

En calquera caso, a administración galega permanece á expectativa: "O Goberno di que vai proceder á repartición durante o verán. Nós estamos á espera e pedímoslle ao Goberno que volva á vía do consenso. Porque nestes momentos en Galicia, como saben todos os galegos, non hai ningún conflito cos menores non acompañados. E por que? Pois porque todos os que veñen a Galicia nós integrámolos en distintos centros, en pisos, en residencias, e polo tanto integrámolos co resto dos nenos, galegos, ucraínos, nenos de Suramérica, e con iso conseguimos unha total integración dos menores non acompañados".

"Se nestes momentos o Goberno pretende enviar 317 menores, en primeiro lugar, non temos lugar para metelos, e en segundo lugar o que vai provocar é a creación de guetos e de macrocentros, e nós non estamos dispostos a cambiar a nosa política de protección aos menores que leva motísimos anos demostrando que funciona", explica Fabiola García. 

A conselleira defende a tese de que o Goberno prexudica deliberadamente unhas comunidades para favorecer outras gobernadas por partidos que sosteñen o Executivo de Pedro Sánchez: "É un repartimento arbitrario, sen consenso, e cuns criterios que non están claros. Como é posible que a unha comunidade como Galicia, que non ten capacidade residencial, que temos 860 prazas de protección aos menos e máis de 900 nestes momentos, co cal unha sobreocupación do 108 por cento, lle poidan corresponder máis de 317 menores, e a comunidades autónomas socias do señor Pedro Sánchez, como é o País Vasco e Cataluña, lles correspondan cero? Claramente, está favorecendo unhas comunidades autónomas, os seus socios de Goberno e os criterios do señor Puigdemont. E en Galicia non imos aceptar unha vez máis un trágala. Imos esperar a ver que resolve o Tribunal Constitucional a ese recurso que puxo Galicia, igual que outras comunidades autónomas do PP, pero tamén Castela-A Mancha, do PSOE, e veremos que sucede durante os meses de verán".

Outra das cuestións que preocupa na Xunta é o financiamento desa repartición e das súas consecuencias: "Non temos ningún tipo de coñecemento. A nós comunícannos a semana pasada unha cifra oficial, a primeira vez, porque ata o de agora todo eran estimacións. Non sabemos nin as idades de todos eses adolescentes, nin cando van vir nin como van vir. Non temos ningunha noticia por parte do Goberno de España. Pedimos que nos aclare as cousas, que nos dea os fondos necesarios para poder soster eses 317 menores non acompañados, porque agora os menores que ten Galicia estanos sostendo, financiando, todos os galegos. Así que, se nos envían menores teñen que vir acompañados de cartos, porque van seguir en Galicia, porque hai que insertalos, darlles educación, sanidade, servizos residenciais 24 horas. Polo tanto, nós cremos que a vía ten que ser a do diálogo, como veu sendo todos estes anos".

Reforma das leis de dependencia e da discapacidade 

En canto á reforma das leis de dependencia e da discapacidade aprobada no pasado Consello de Ministros, Fabiola García cre que non é nada novidoso para Galicia, porque todas as medidas que inclúe xa están feitas aquí.

"O Goberno de España o que acaba de facer é copiar o modelo galego. Esta compatibilidade entre prestacións, o servizo de axuda no fogar e o bono coidado xa se estaban aplicando na nosa comunidade autónoma. Pero unha vez máis o Goberno invita e as comunidades pagamos. Máis cambios na lei de dependencia e da discapacidade, pero sen cartos a maiores. A maiores dos 2.500 millóns que nos debe o Goberno de España e que son 2.500 millóns para persoas dependentes e que irían directamente ao peto de todos os maiores", asegura a conselleira, quen volve insistir na falta de financiamento dos servizos que se teñen que prestar.

"Nós pedimos máis financiamento, máis cartos para as persoas maiores. Porque a lei de dependencia é moi clara e di que o financiamento debe ser a partes iguais. E nestes momentos o Goberno está financiando o 34 % e Galicia preto do 70 %", explica García.

A conselleira, ademais, presume dos últimos datos sobre a resolución de expedientes dos demandantes de prestacións de dependencia e discapacidade: "Duplicáronse con respecto ao ano anterior, grazas a ese plan de choque que entrou en funcionamento o 1 de xaneiro deste mesmo ano. E hai que dicir que en tan só seis meses resolvemos máis de 40.000 expedientes, tanto da dependencia como da discapacidade".

"O noso obxectivo é valorar a todas as persoas nun prazo máximo de seis meses antes de que remate a lexislatura, porque hai moitas persoas que nestes momentos necesitaban ese servizo e xa o teñen", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade