O detido por chamar a facer unha cacería en Torre Pacheco é un escolta privado
É un español de 28 anos investigado por un presunto delito de incitación ao odio
Calma tensa en Torre Pacheco, con 130 axentes mobilizados e 14 detidos
Varios identificados por tentar agredir e insultar aos xornalistas

O líder do movemento supremacista xenófobo Deport Them Now UE, que encirrou a semana pasada en redes sociais a facer unha cacería contra o colectivo magrebí na localidade murciana de Torre Pacheco e detido onte pola Garda Civil, é un escolta privado.
Segundo fontes do Ministerio do Interior, trátase dun español de 28 anos que conta coa habilitación como vixiante de seguridade desde 2021 e como escolta privado desde 2025.
Con todo, na actualidade non estaba contratado por ningunha empresa para realizar os labores de escolta.
A Garda Civil detívoo este martes en Mataró (Barcelona) por exercer labores de dirección dentro do citado movemento. Está sendo investigado por un presunto delito de incitación ao odio.
O detido pasará mañá á disposición xudicial en Mataró.
Novas denuncias e tentativas de agresión a xornalistas
A delegada do Goberno na Rexión de Murcia, Mariola Guevara, informou este mércores de que se presentaron máis dunha vintena de denuncias durante esta pasada noite en Torre Pacheco, a maioría por desordes públicas e posesión de obxectos perigosos.
Ademais, foron identificadas varias persoas que tentaron agredir e insultar a xornalistas durante unha concentración, sobre as que se actuará con sancións ou detencións en función da gravidade dos feitos.
Durante as numerosas identificacións practicadas polas forzas de seguridade, localizouse unha persoa cunha orde de procura e captura por roubo, o cal permitiu, segundo detallou Guevara, actuar tamén contra individuos implicados en delitos previos.
A delegada asegurou que o dispositivo policial despregado logrou evitar altercados e conter o acceso de grupos ultras e de estrema dereita que pretendían xerar disturbios tras unha convocatoria difundida en redes sociais. “Todo funcionou perfectamente e púidose manter a calma”, afirmou.