Publicador de contidos

Publicador de contidos

Científicos alertan da propagación dun xene que confire ás bacterias resistencia a antibióticos vitais

Científicos alertan da propagación dun xene que confire ás bacterias resistencia a antibióticos vitais

Segundo os resultados, publicados este mércores en Nature Communications, este xene case descoñecido está a expandirse por hospitais e granxas xerando superbacterias imposibles de tratar

Investigadores da Universidade Complutense de Madrid - UCM Investigadores da Universidade Complutense de Madrid - UCM
G24.gal 17/07/2025 09:50

Un xene chamado npmA2, con capacidade para dotar bacterias perigosas dunha resistencia total a antibióticos que son vitais cando non hai alternativa, está a propagarse por todo o mundo, segundo alertou un equipo internacional de científicos liderado pola Universidade Complutense de Madrid.

"O npmA2 é como unha pantasma: case ninguén sabía da súa existencia e, sen facer ruído, empezou a aparecer en distintas partes do mundo e en bacterias que xa son difíciles de controlar", explicou o doutor Bruno González-Zorn, catedrático do departamento de Sanidade Animal da Universidade Complutense de Madrid e director do estudo.

Segundo os resultados, publicados este mércores en Nature Communications, este xene case descoñecido está a expandirse por hospitais e granxas, xerando superbacterias imposibles de tratar. En concreto, os investigadores detectárono en cepas de seis países e en mostras humanas, animais e ambientais, o cal confirma a súa propagación mundial.

Para o traballo, os expertos analizaron case dous millóns de mostras bacterianas, co que confirmaron que este xene actúa como un pasaporte xenético que viaxa nun fragmento móbil, que exerce de cabalo de Troia, e se incrusta en distintas bacterias que de seu xa implican un risco.

Como exemplos, os profesionais detectaron o xene na bacteria Clostridioides difficile, causante de graves infeccións intestinais, ou en Enterococcus faecium, responsable de contaxios hospitalarios cunha taxa de mortalidade dun 30 por cento en España. "O xene npmA2 converte estas infeccións en practicamente incurables", aseverou o doutor Carlos Serna, coautor do estudo.

Os autores subliñaron que a investigación de novas estratexias para combater as infeccións e a vixilancia do uso de antibióticos é agora máis urxente que nunca. "Se non actuamos xa, abocamos a unha era en que unha simple infección volva ser mortal", advertiu González-Zorn.

Xunto á Universidade Complutense de Madrid, participaron neste estudo científicos do Welcome Sanger Institute de Cambridge (Reino Unido), o Instituto Pasteur de París (Francia) e centros de investigación dos Países Baixos e Australia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade