Os xuíces rexeitan as críticas de Sánchez, que acusa algúns maxistrados de "faceren política"
A maioría de asociacións de xuíces pronunciáronse en contra destas palabras de Pedro Sánchez sobre a imputación da súa muller e do seu irmán
Sumar apoia a Sánchez, asegurando que "é unha realidade que non podemos negar", e o PP cre que as palabras do presidente se deben "á situación desesperada, política e persoal en que se atopa o propio Sánchez"
A maioría de asociacións de xuíces pronunciáronse este martes en contra da opinión vertida por Pedro Sánchez nunha entrevista en TVE, en que acusou algúns maxistrados de "faceren política" en casos como os que afectan a súa familia.
Para estas organizacións trátase dunhas declaracións "graves", "populistas", que "atacan" o seu traballo. Sergio Oliva Parrilla, portavoz da Asociación Xudicial Francisco de Vitoria apunta que "se alguén cre que un xuíz actúa mal, existen vías legais", pero considera "inaceptables" as críticas "xenéricas" á xudicatura "porque xeran desconfianza social e danan a nosa democracia".
Lonxe de retractarse, a voceira do Goberno insistía este martes na mesma idea, en que "hai unha minoría de xuíces cuxas decisións son moi difíciles de entender". Para Pilar Alegría, esta é unha opinión "compartida por unha inmensa maioría de españois, e non pasa nada por chamar as cousas polo seu nome".
O PSOE conta co aval de Sumar. Segundo a súa voceira no Congreso, Verónica Barbero, "é unha realidade que non podemos negar" e non entenden como o socio non se decatou antes. Para o seu deputado Alberto Ibáñez, de Compromís, "o señor Sánchez chega un pouco tarde, porque antes perseguíronos a moitos".
Para o PP, as palabras do presidente demostran unha "actitude que dinamita os cimentos de calquera democracia moderna". Miguel Tellado, secretario xeral do partido, só lle atopa unha explicación: "a situación desesperada, política e persoal, en que se atopa o propio Pedro Sánchez".
Nesa mesma entrevista, o presidente do Goberno dixo que presentará no Congreso uns novos presupostos, aínda que non saian adiante e haxa que prorrogar, de novo, as contas do 2023. Nese sentido, a ministra de Facenda asegurou nas últimas horas que vai "deixar a pel" para que saian adiante e anunciou que mañá vai publicarse no BOE a orde ministerial para elaborar as novas contas públicas.