Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo critica que Ábalos siga de deputado e o PSOE acusa o xuíz de non respectar a separación de poderes

Feijóo critica que Ábalos siga de deputado e o PSOE acusa o xuíz de non respectar a separación de poderes

O líder do PP compartiu o "estupor" que expresou o xuíz Leopoldo Puente ante o feito de que un investigado na situación de Ábalos manteña a súa acta na Cámara Baixa

Patxi López: "Todo o mundo que respecta a separación de poderes sabe que os xuíces aplican as leis, e non necesitamos que opinen sobre elas"

EFE/J.J. Guillén
G24.gal 16/10/2025 09:58 Última actualización 16/10/2025 11:53

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, criticou este xoves que o exministro de Transportes José Luis Ábalos siga ocupando un escano no Congreso, seguindo en cada votación as "instrucións" do Goberno de Pedro Sánchez. De feito, compartiu o "estupor" que expresou o xuíz Leopoldo Puente ante o feito de que un investigado na situación de Ábalos manteña a súa acta na Cámara Baixa.

No seu auto, o xuíz instrutor do caso Koldo no Tribunal Supremo fai un chamamento á "reflexión" ante o feito de que o exministro continúe como deputado a pesar dos "consistentes indicios" de que cometeu "moi graves delitos", apuntando que o dereito constitucional á presunción de inocencia non debería ser "obstáculo" para articular algún mecanismo legal que o impedise.

En declaracións aos medios antes do almorzo de Nova Economía Fórum co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Feijóo dixo que "a inmensa maioría dos españois comparte o estupor" que expresa o xuíz, un cualificativo que ve "moi correcto".

O presidente do PP repasou a situación "das tres persoas que encumiaron" a Pedro Sánchez: Ábalos declarou este mércores ante o Supremo -o xuíz descartou envialo a prisión porque o risco de fuga non é "o suficientemente intenso"-; o seu exasesor Koldo García declarará esta mañá ante o mesmo tribunal; e Santos Cerdán, exsecretario de Organización do PSOE, "está no cárcere".

"Contrastar isto co que dixo o presidente do Goberno de que ten un dos Gobernos mais decentes de Europa, causa un absoluto estupor", salientou Feijóo despois de que este mércores Sánchez presumise no Pleno do Congreso de ter un Goberno decente e estable.

Neste contexto, o xefe da oposición criticou que o exministro e exsecretario de Organización do PSOE manteña o seu escano. "Seguir vendo como o señor Ábalos é un deputado que segue as instrucións do presidente do Goberno e do Goberno en todas as súas votacións, é o terceiro estupor que lle causa a todos os españois", manifestou.

Feijóo dirixiuse aos socios do PSOE por manter o seu apoio a Sánchez ante os casos de corrupción. "E seguimos sorprendidos porque non haxa ninguén no Congreso dos Deputados que retire a confianza dunha vez ao Goberno onde se produciu máis corrupción que nunca nos case 50 anos de democracia", salientou.

O PSOE acusa o xuíz do caso Koldo de non respectar a separación de poderes

O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, acusou este xoves ao xuíz do caso Koldo, Leopoldo Puente, de non respectar a separación de poderes despois de cuestionar que o exministro socialista José Luis Ábalos siga sendo deputado, e instoulle a aplicar o regulamento da Cámara Baixa.

"Todo o mundo que respecta a separación de poderes sabe que os xuíces aplican as leis, e non necesitamos que opinen sobre elas", declarou López aos medios no Congreso preguntado pola opinión do xuíz.

No auto en que acordou manter a liberdade a Ábalos, Leopoldo Puente chamou a reflexionar se o exministro debe seguir sendo deputado do grupo mixto a pesar dos "tan consistentes indicios" de "moi graves delitos" que pesan sobre el, e apuntou á posibilidade de que poida articularse por lei algún mecanismo que impida esta situación.

O portavoz parlamentario socialista criticou que Puente diga ao Poder lexislativo o que ten que facer e instoulle a aplicar o regulamento do Congreso, que permite que nas súas actuais circunstancias Ábalos siga sendo deputado. "Xa vale destas críticas que o que fan é ver que hai xuíces que non respectan a separación de poderes", engadiu.

Preguntado sobre se hai alivio no PSOE polo feito de que Ábalos non entrase en prisión preventiva tras o auto do mércores, dixo que non van valorar "o día a día" do caso Koldo.

"O que queremos é que os xuíces determinen o que hai de verdade, o que hai de mentira, que responsabilidades hai e, sobre as responsabilidades, que apliquen a lei, que é o que estamos a desexar", declarou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade