Dezasete detidos por roubar datos para conseguir créditos e mercar motos de auga
A banda usurpaba os datos publicando anuncios falsos de vivendas de alugueiro por baixo do valor real do mercado
Con eles conseguían créditos financeiros para comprar motos de auga que despois vendían a baixo prezo en páxinas web

Desarticulada unha rede que usaba anuncios falsos de pisos baratos para roubar datos e comprar motos de auga. A Garda Civil e a Policía Nacional desarticularon un grupo criminal dedicado a cometer estafas mediante a publicación de anuncios de vivendas de alugueiro por baixo do valor real do mercado cos que usurpaban datos para conseguir créditos financeiros e comprar motos de auga que despois vendían en páxinas web.
A operación concluíu coa detención de 17 persoas na Comunidade de Madrid e coa incautación de nove motos de auga, unha bicicleta de alto valor e un piano, todo iso valorado en máis de 300.000 euros, segundo informou o instituto armado nun comunicado.
Como operaban
A investigación iniciouse cando os axentes tiveron coñecemento de anuncios fraudulentos, en distintos portais inmobiliarios, onde se ofertaban pisos en alugueiro inexistentes moi por baixo do valor real do mercado.
Tras as primeiras pescudas, os investigadores detectaron un grupo criminal cunha estrutura piramidal e unha clara repartición de tarefas. Na base da pirámide, membros do grupo adquirían, a través de locutorios, tarxetas de telefonía móbil de prepago utilizados para que as futuras vítimas se informasen sobre algunha destas vivendas.
Posteriormente, outros membros do grupo pedíanlles documentación persoal para poder formalizar o contrato.
Así era como solicitaban un crédito a nome das súas vitimas para poder formalizar a compra fraudulenta das motos náuticas que despois vendían en plataformas de Internet a prezos moi por baixo do valor do mercado.