Publicador de contidos

Publicador de contidos

A muller de 61 anos asasinada en Vilagarcía presentaba feridas de arma branca

A muller de 61 anos asasinada en Vilagarcía presentaba feridas de arma branca

O fillo da vítima, principal sospeitoso, continúa en estado crítico tras precipitarse dende o balcón da vivenda

O concello arousán decretou dous días de loito oficial pola morte da súa veciña

Especialistas sacan o corpo da vítima do lugar dos feitos. EUROPA PRESS/Elena Fernández
G24.gal 06/09/2025 11:52 Última actualización 06/09/2025 20:53

A Policía Nacional investiga como un posible caso de matricidio a morte violenta dunha muller, de 61 anos, no municipio de Vilagarcía de Arousa. Segundo fontes consultadas por Europa Press, a vítima presentaba feridas de arma branca.

O seu fillo, de 22 anos, é o principal sospeitoso do crime. O mozo está en estado crítico tras precipitarse dende o balcón da vivenda familiar, situada no terceiro andar dun edificio da rúa Duque de Rivas. 

Custodiado pola Policía Nacional, permanece ingresado na unidade de coidados intensivos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cun cadro clínico de politraumatismos, fracturas diversas e shock hemorráxico.

Todo apunta a un "matricidio"

O corpo sen vida da muller, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) foi localizado sobre as seis e media da tarde do venres na súa casa. Estaba boca abaixo e cuberto de sangue.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, declarou á prensa que todo apunta a un matricidio. Asegurou que as pescudas están nunha fase inicial pero, polo momento e con toda a "prudencia", descartan a participación de terceiras persoas. 

Dous días de loito oficial

O Concello de Vilagarcía de Arousa decretou dous días de loito oficial pola morte da súa veciña. Durante a fin de semana, as bandeiras da casa consistorial ondearán a media hasta.

O alcalde do municipio, Alberto Varela, expresou o seu "profundo pesar" por este crime e enviou "todo o apoio" á familia e achegados da vítima. Varela asegurou que o sucedido é unha "auténtica traxedia", sobre todo, ao existir unha relación familiar polo medio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade