Empeza o xuízo con xurado popular polo triple crime de Morata de Tajuña
O autor confeso da morte dos tres irmáns enfróntase a 36 anos de cadea
A defensa rebaixa a petición a 7 anos e media por alteración psíquica e confesión
As vítimas pedíranlle un préstamo ao acusado porque caeran nunha estafa amorosa
A Audiencia Provincial de Madrid iniciou a vista con xurado popular contra Dilawar Hussain Fazal, o home hispano-paquistaní que recoñeceu matar a golpes tres irmáns de Morata de Tajuña.
O crime tivo que ver cos cartos que lle debían dúas das irmás que eran ao parecer vítimas dunha estafa do amor, segundo confirma un veciño e amigo das vítimas que asiste a vista.
"Elas mandaban diñeiro aos militares que supostamente eran os seus noivos. O banco avisounas de que era unha estafa, pero elas non lle fixeron caso".
Parte dos cartos que enviaron eran os 60.000 euros que lles prestara o acusado, que chegou a ter unha orde de afastamento dunha das vítimas por ameazala para recuperar os cartos. O 17 de decembro de 2023 Dilaware quebrantou a orde, entrou na casa e matou a golpes as dúas mulleres e o irmán co que convivían. O crime descubriuse un mes despois e ao día seguinte o acusado entregouse á policía e recoñeceu os feitos.
"El ve que o diñeiro non vén, a súa nai enferma e el era o que sufragaba os gastos. Non ten con que vivir e ponse nervioso e pasa o que pasa".
O fiscal pide para o acusado 36 anos de cadea por tres delitos de homicidio, pero admite a atenuante de alteración psíquica. Por iso será clave a valoración que faga o xurado popular do informe dos forenses para rebaixar ou non a condena ata os 7 anos e medio que pide a defensa, facendo valer a súa presunta alteración por trastorno paranoide, e tamén o arrebato e a confesión.
Dilawar Hussain terá que responder tamén noutra causa pola morte do compañeiro de cela ao que asasinou a golpes cunha pesa no ximnasio do cárcere de Estremera onde estaba en prisión provisional polo crime de Morata. A consecuencia deste suceso fora trasladado ao cárcere lugués de Teixeiro.