Publicador de contidos

Publicador de contidos

16 anos de cadea por violar e roubar unha muller cando saía do traballo en Vigo

16 anos de cadea por violar e roubar unha muller cando saía do traballo en Vigo

Os feitos xulgados pola Audiencia Provincial de Pontevedra ocorreron en 2013

O condenado foi arrestado case dez anos despois porque apareceu o seu ADN no escenario doutro delito

Europa Press Europa Press
G24.gal 09/10/2025 15:52

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman 16 anos de cárcere ao home xulgado por violar e roubar a unha traballadora da limpeza de antigo Hospital Xeral de Vigo, e que foi detido case unha década despois grazas a que o seu ADN foi localizado no escenario doutro delito.

O tribunal considera probado que, na madrugada do 30 de marzo de 2013, cando a vítima saíra de traballar e dirixíase a unha parada de bus, o acusado abordouna por detrás e tapoulle a boca, mentres coa outra man púxolle un obxecto punzante nas costas á vez que lle advertía: "Como grites pícote".

A muller deulle o diñeiro que levaba pero o acusado seguiuna ameazando co obxecto punzante, para levala a un punto apartado e agredila sexualmente. Ademais de penetrala en dúas ocasións, obrigouna a realizarlle unha felación e, antes de deixala ir, arrincoulle unha cadea de ouro que levaba, ademais de roubarlle un anel de ouro e un reloxo.

A Audiencia tamén considera probado que, por estes feitos, a muller sufriu estrés postraumático e que quedaron secuelas, como o empeoramento de trastornos mentais de grao leve. De feito, a febreiro deste ano, presentaba unha deterioración cognitiva grave, persistente e non susceptible de melloría.

Os maxistrados chegaron á convicción de que os feitos probados foron eses, en base, fundamentalmente, á declaración realizada no seu momento pola vítima, que resulta "verosímil" pola súa "consistencia, claridade e coherencia".

Ademais, sinalan que os seus antecedentes médicos non implican un déficit na súa credibilidade, senón que precisamente evidencian que era unha persoa "vulnerable".

Ademais, as lesións que presentaba a muller tras o sucedido eran competibles coa situación que narrara, e na súa vaxina acháronse restos de seme.

O perfil de ADN atopado foi coincidente co obtido nunha cabicha que fumara o acusado.

Durante o xuízo, que se celebrou a porta pechada pola actitude violenta do procesado cara aos medios de comunicación presentes na sala, o acusado non quixo declarar, aínda que ao final da vista, facendo uso do seu dereito á última palabra, negou a violación e asegurou que as relacións sexuais foran consentidas.

En base aos feitos probados, a Audiencia condenou o home a un total de 16 anos e medio de cárcere, como autor dun delito de agresión sexual con penetración (12 anos) e outro de roubo con violencia, co uso de instrumento perigoso e coa agravante de reincidencia (4 anos e medio).

Ademais, o tribunal imponlle a inhabilitación para calquera profesión, oficio ou actividade que implique o contacto regular e directo con menores. Igualmente, deberá indemnizar á vítima en 96.594 euros polas lesións psíquicas e secuelas, así como polo dano moral.

A sentenza non é firme e pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade