Marín xoga ao seu 'O prezo xusto': canto vale un escaparate con máis de cen premios?
Os comerciantes da vila inspíranse no popular concurso de televisión para unha campaña de promoción
Noventa e sete negocios cederon artigos e servizos e a persoa que gañe levará todo
A xogar! Os comerciantes de Marín recuperan a memoria dun dos concursos máis famosos da televisión para promover os negocios locais. A vila ten o seu propio 'O prezo xusto' e, si, tamén hai que acertar canto vale un escaparate. Está composto polos artigos e servizos que cederon noventa e sete establecementos da localidade, en total máis dun cento de premios. Como na tele, gañará quen se aproxime máis á cantidade real, pero sen pasarse.
"O que lle explicamos ao comercio de proximidade é que cedesen algo que os representase e tomárono moi en serio. Xa vedes que hai cousas moi significativas", explica o xerente do centro comercial aberto Estrela de Marín, Yonathan Carreira, a única persoa, xunto cunha notaria, que coñece o prezo total do escaparate.
Hai premios, de seguro, moi valiosos: unha sortella de ouro, uns pendentes de artesanía creados expresamente para esta campaña, pequenos electrodomésticos ou pezas de roupa que pasan dos douscentos euros.
"O que gañe non sei que vai facer con tantísima cousa, vai ter agasallos para tres anos", chancea Cany Juncal, de Visual Merchandising, a especialista que está preparando o escaparate final.
O xogo ten un truco: o escaparate completo só se vai poder ver o sábado. Ata entón, cada día, os comerciantes van amosando só uns poucos produtos. Así, a xente ten que facer cálculos. E hai quen pasa a diario a facer fotos ou tomar notas nun caderno para se facer unha idea aproximada da cantidade total.
Para participar, hai que mercar no comercio local. Cómpre gastar un mínimo de sesenta euros. O prezo xusto do escaparate vaise revelar o sábado pola tarde nunha gala que se celebrará na alameda con maxia e música e conducida pola cantante Lucía Pérez. Antes, o venres, a artista do Incio presentará no Luar da TVG a canción que lle compuxeron para esta campaña e que se titula, tamén, 'Estrela de Marín'.