Publicador de contidos

Publicador de contidos

O rei cede espazo á princesa de Asturias con emoción de pai e de rei

O rei cede espazo á princesa de Asturias con emoción de pai e de rei

Felipe VI destaca o protagonismo crecente de Leonor na entrega dos Premios Princesa de Asturias

A princesa dedica unha carta aos galardoados e de complicidade coa súa irmá Sofía

G24.gal 24/10/2025 21:15

Con emoción de pai e de rei, Felipe VI afirmou este venres na entrega dos Premios Princesa de Asturias que lle corresponde ceder espazo á súa filla Leonor, como herdeira da Coroa, un papel que el desempeñou durante máis de corenta anos.

O Teatro Campoamor de Oviedo foi o escenario desta declaración, na que o rei lembrou que a princesa leva sete anos asistindo a esta cerimonia e asumindo de forma gradual a responsabilidade de presidila.

“A cada paso dá novas mostras de madurez e sensibilidade, cun papel tamén máis activo na vida pública”, dixo o monarca.

“En consecuencia, creo que me corresponde ir cedéndolle xa este espazo, como herdeira da Coroa e como presidenta de honra da Fundación desde hai once anos”, engadiu Felipe VI, visiblemente emocionado, pouco despois de que a súa filla o chamase “boomer” nun ton distendido.

A carta da princesa aos premiados

Leonor de Borbón pronunciou un discurso máis longo ca o do ano pasado, acorde co seu protagonismo crecente. Indicou que, “aínda sendo da xeración zeta e filla dunha xe e dun boomer”, sentía que escribir unha carta permite deterse, afondar e pensar máis.

Nesa “carta con envío postal de viva voz” dedicou palabras persoais a cada galardoado, nun tempo marcado pola “inmediatez, a fugacidade e as virtualidades dos bits”.

Na parte dedicada á tenista estadounidense Serena Williams, Premio Princesa de Asturias dos Deportes, tivo unha complicidade coa súa irmá, a infanta Sofía: “É bonito o que dis da túa irmá: sen Venus non habería Serena. As irmás cómplices son as nosas grandes compañeiras de viaxe”. O comentario foi recibido cun aplauso xeral.

Unha cerimonia entre emoción e humor

Leonor e Sofía saíron do teatro da man, xusto detrás dos seus pais, nun xesto que simbolizou a súa complicidade e unidade familiar.

A cerimonia comezou cun ton distendido grazas ao humor fino do escritor Eduardo Mendoza, Premio Princesa de Asturias das Letras, que se definiu con ironía como “unha nova promesa da narrativa” despois dunha longa carreira literaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade