Unha muller recibe unha malleira en Lugo en plena rúa
Foi agredida por outras catro mulleres, que fuxiron
As catro agresoras foron detidas pola Policía Local de Lugo

Unha muller tivo que ser trasladada en ambulancia ao hospital tras recibir unha malleira na rúa en pleno centro da cidade de Lugo.
Uns axentes que realizaban labores de vixilancia no centro histórico durante a fin de semana escoitaron berros de auxilios na Rúa Nova, unha das máis populares da zona de viños. Ao chegar ao lugar atoparon unha muller ferida e tirada no chan, rodeada dun grupo de persoas que indicaron que fora agredida por catro mulleres que fuxiran.
Os axentes iniciaron unha persecución e coordinados con outras unidades policiais, lograron deter as agresoras. Tres delas moi preto do lugar dos feitos e a cuarta implicada foi interceptada xa cerca da avenida da Coruña.
A vítima foi asistida no lugar e trasladada despois a un centro sanitario, xa que presentaba un forte golpe na zona cervical.