Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sindicatos e patronal afástanse dun posible acordo para subir os salarios

Sindicatos e patronal afástanse dun posible acordo para subir os salarios

O secretario xeral de CCOO e o presidente da ATA concordan en que "non hai marxe" para chegar a un consenso

Unai Sordo agoira folgas sectoriais na segunda metade do ano se non se inclúen as cláusulas de revisión salarial

Lorenzo Amor critica que o Goberno inste a subir os salarios mentres nega a revalorización dos soldos dos funcionarios

G24.gal 07/05/2022 10:15 Última actualización 07/05/2022 11:19

O sindicato CCOO e a CEOE afirman na Radio Galega que ven lonxe un posible acordo sobre salarios malia que o Goberno os citara este luns para unha nova xuntanza.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, tanto Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, coma Lorenzo Amor, presidente da ATA e vicepresidente da CEOE, concordaron en sinalar que non ven marxe para chegar a consensos.

O punto de fricción son as cláusulas de revisión salarial que esixen os sindicatos e que os empresarios rexeitan. 

"Un desacordo que agora non ten marxe de recomposición porque a posición de CEOE é taxativa respecto ás cláusulas de revisión salarial, non quere asinalas e sen esas cláusulas o risco de perda de poder adquisitivo é enorme", asegura Unai Sordo.

"Por moita intención que teña o Goberno, véxoo complicado", considera Lorenzo Amor.

Dende a CEOE cuestionan ademais que a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegure que hai marxe para as peticións que fan os sindicatos.

Amor retrúcalle asegurando que "cando se está falando de salario dos empregados públicos o Goberno di que non está disposto a subir por riba do 2 %" e engade que "o que non se quere para o sector público tampouco se pode pretender para o sector privado".

Conflitividade laboral

De seguir así a situación dende Comisións Obreiras predín un aumento da conflitividade laboral e non descartan "folgas" sectoriais na segunda metade do ano". Ante esta situación, dende a CEOE aseguran que é "momento de moderación, non de ameazas". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade