Publicador de contidos

Publicador de contidos

Caamaño: "O acordo de Atención Primaria mellora as condicións laborais do persoal"

Caamaño: "O acordo de Atención Primaria mellora as condicións laborais do persoal"

O conselleiro de Sanidade celebra a desconvocatoria da folga por parte de CSIF, CC.OO. e UXT 

Gómez Caamaño amosou a súa perplexidade porque a CIG se descolgara do acordo: " Eles saberán por que non queren desconvocar"

A central nacionalista considérao "insuficiente" e mantén a folga porque "non cumpre cos obxectivos que levaron á convocatoria do paro"

G24.gal 25/11/2025 10:43

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, considera un "paso moi importante" o acordo con CSIF, CC.OO. e UXT que permite desconvocar a folga prevista para mañá na Atención Primaria de Galicia. Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega. Sinala que "agradecemos a responsabilidade demostrada por estas tres forzas sindicais. Consideramos que houbo un esforzo importante da Consellería [de Sanidade] con eles [os sindicatos] e consegue evitar unha folga que prexudicaría aos pacientes".

"O acordo supón unha clara mellora nas condicións organizativas, laborais e económicas de todo o persoal de Atención Primaria". 

O conselleiro de Sanidade explica que "foi unha negociación moi longa, moi complexa, e con moitas arestas que houbo que ir perfilando e, sobre todo, con moitas reivindicacións que levaban moito tempo pendentes de solución. Abordáronse moitísimos puntos, moitísimos temas e creo que se conseguiu unha clara mellora nas condicións organizativas, laborais e económicas de todo o persoal de Atención Primaria" en Galicia.

Sanidade comprométese a extinguir no horizonte do 2029 a categoría de Facultativo Especialista, polo que os médicos de familia que ocupen esas prazas están obrigados a facer polo menos dúas gardas ao mes. Ademais, o Sergas negociará un plan de ordenación de recursos humanos nun prazo máximo de seis meses e retirará o cómputo aplicativo da xornada da PAC, que -segundo os sindicatos- daba erros e provocaba que os profesionais estivesen cobrando horas de menos. Tamén se analizarán as cargas de traballo do persoal administrativo e convocarase un concurso específico de Enfermaría Familiar no primeiro trimestre do 2026.

Sobre a posición da CIG de desmarcarse e manter a folga, Gómez Caamaño di estar "un pouco perplexo, no sentido de que, se o motivo da folga estaba relacionado cunha serie de medidas que non gustaron e que se negocian sempre buscando o mellor para as condicións laborais dos propios profesionais sanitarios e facelo compatible coa atención sanitaria, non entendo por que a CIG non quere desconvocar a folga". Neste senso, afirma que "cada un ten as súas responsabilidades. Nós o que queriamos era solucionar o problema. Negociamos e falamos e chegamos a un acordo. Eles saberán por que non queren desconvocar".

Sindicatos médicos

O conselleiro de Sanidade sinala que este martes seguirán as negociacións cos sindicatos médicos O,Mega e Simega. Gómez Caamaño apela a "unha chamada ao diálogo e á responsabilidade para evitar unha folga que prexudicaría, sobre todo, aos pacientes, tendo en conta o momento que estamos vivindo, cun déficit de profesionais e índice precoz da gripe".

Considera que "é un bo momento para propoñer unha reflexión xeral tanto da administración coma dos profesionais sanitarios e dos seus representantes sobre que modelo temos e queremos para o futuro da Atención Primaria. Creo que é un bo momento para propoñer este foro de diálogo".

A CIG-Saúde mantén a convocatoria de folga en Atención Primaria para os días 26, 27 e 28

CIG-Saúde decidiu manter a convocatoria de folga na Atención Primaria para os días 26, 27 e 28 de novembro, ao considerar que a última proposta da Consellería de Sanidade é "insuficiente" e "non cumpre cos obxectivos que levaron á convocatoria do paro".

En relación á proposta de retirar a finais de 2029 a categoría de FEAP (Facultativo Especialista en Atención Primaria), a central considera que "queda no aire"  o futuro desta medida "se non funciona a voluntariedade".

Sobre as condicións retributivas dos PAC, CIG-Saúde critica que a Consellería retirara unha proposta feita en días previos de mellorar a retribución da xornada complementaria incentivada das 160 ás 140 horas. Acerca dos cómputos de xornada nestas unidades, sinala a central sindical que as organizacións asinantes "aceptaron" quitar da acta final as melloras negociadas durante o día de onte, "aprazando a negociación á Mesa Sectorial e conformándose con que se modificará o aplicativo con efectos do 1 de xaneiro de 2026".

Lembran na nota tamén que ao longo de toda a negociación CIG-Saúde "deixou claro que non podía aceptar que, no contexto actual, non se fale dun verdadeiro Plan de Ordenación dos Recursos Humanos que permita crear unha mínima expectativa no desempeño profesional na Atención Primaria". "Sen esa expectativa de mellora non hai voluntariedade que permita avanzar na solución dos problemas actuais".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade