Setenta especialistas considerados na elite mundial da investigación oncolóxica xúntanse desde hoxe na Coruña

Á Semana da Ciencia no Cancro que organiza ASEICA acoden como público máis de 500 especialistas de todo o país

G24.gal 14/11/2023 14:38 Última actualización 14/11/2023 15:24

Os membros da directiva da Asociación Española de Investigación contra o Cancro, con tres galegos á cabeza, escolleron A Coruña para celebrar o congreso do seu 40 aniversario. Setenta relatores do máximo nivel e cincocentos participantes fan desta Semana da Ciencia no Cancro, un dos eventos sobre oncoloxía máis relevantes.

Entre as fortalezas do estado da investigación en Galicia, os directivos de ASEICA destacaron as novas técnicas de inmunoterapia e de medicina personalizada, que en dez anos multiplicaron por 20 os éxitos nos tratamentos. Entre os relatores está presente Mariano Barbacid, o descubridor mundial do primeiro oncoxene; e moitos galegos, porque Galicia destaca pola formación dos profesionais e a capacidade para a captación de fondos europeos.

"Os nosos investigadores son dos máis apreciados en moitos países, pero paradoxalmente aquí temos o problema de atraer e reter eses talento", dixo Marisol Soengas, presidenta de Aseica. 

Reclamaron das autoridades que esa posibilidade de reter talento se fomente coa garantía dunha boa carreira investigadora.

"É unha necesidade que temos en Galicia de investir máis en investigación".

Apostar polos ensaios clínicos en fases temperás e a investigación básica son os aspectos a mellorar, xunto coa igualdade territorial.

"É moi importante que a investigación estea preto da clínica, porque así melloran os resultados da investigación e da clínica, dixo Rafael López, vicepresidente de Aseica.

Na inauguración do Congreso, o presidente Alfonso Rueda comprometeu o apoio da Xunta para que Galicia siga á vangarda, dixo, da investigación e tratamentos oncolóxicos.

Rueda lembrou que o Sergas vai analizar o ADN de miles de galegos para localizar variantes xenéticas de risco e destacou que proximamente comezarán a funcionar o centro de protonterapia de Santiago ou o centro de fabricación de novos fármacos contra o cancro.

O evento científico é tamén unha chamada de atención de ASEICA ás autoridades para poñer os niveis de investimento en I+D+I á par da calidade dos nosos investigadores e dos países máis desenvolvidos do mundo.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade