Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ruta de autocaravanas para descubir Galicia sobre rodas

Ruta de autocaravanas para descubir Galicia sobre rodas

Medio cento de vehículos percorren as catro provincias na IX Ruta Yakart

G24.gal 05/07/2025 14:32 Última actualización 05/07/2025 14:53

O turismo de autocaravanas medra ano tras ano, impulsado por persoas que buscan unha forma de viaxar máis libre, máis económica e máis conectada coa natureza.

Un ano máis, A Coruña foi o punto de partida da ruta Yakart, que durante dez días explora a paisaxe, a cultura e a gastronomía de Galicia nun percorrido polas catro provincias con parada final en Santiago de Compostela.

Pasaron a primeira noite asomados ao Atlántico, baixo a luz do faro Patrimonio da Humanidade. A Torre de Hércules enmarcou a saída da novena ruta de autocaravanas Yakart, este ano con preto de cincuenta vehículos e máis de cen viaxeiros dispostos a deixarse sorprender por Galicia.

"Agardamos coñecer Galicia para poder vir máis veces. Faláronnos moi ben da gastronomía e da xente, que é encantadora", comenta Manuel, un caravanista gaditano que viaxa coa súa muller e coas súas cadelas.

Para moitos dos caravanistas esta será a súa primeira incursión en terras galegas. Os que repiten con Yakart non lle atopan peros á ruta.

"Gústame todo. A gastronomía encántame, a paisaxe tamén... e esta frescura que hai aquí. Nós estabamos a corenta graos", dinos Rosa, que fai a ruta por cuarta vez.

Hoxe conducen con máximas de menos de vinte e cinco graos. Á noite acamparán en Barreiros para visitar mañá a praia das Catedrais, Ribadeo ou Viveiro. A Ribeira Sacra, Vilagarcía de Arousa e a illa de Ons tamén están no camiño.

A última etapa finalizará fronte á catedral de Santiago a próxima fin de semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade