Salóns de peiteado ao tope para as festas
Os secadores e as tesoiras non paran estes días nos salóns de peiteados
Malia que xa non se levan os recollidos formais para fin de ano, son moitos os que nestas datas buscan lucir o seu mellor aspecto
Nos salóns de peiteado xa traballan ao tope para atender todos os clientes e tratan de encaixar todas as solicitudes de cita. Antes, boa parte da demanda concentrábase nos días 24 e 31 e agora repártese durante todas as festas.
Ramiro Gil, CEO de "Peluquerías Ramiro Gill", destaca que agora os clientes "adoitan adiantarse, hai máis xente o 22 e o 23 que o 24. Lévanse máis ceas de empresa e reunións de empresa..."
Unha visión que comparte Beatriz Moreda, de "Peluquería Moreda": "a xente vén de luns a sábado, arréglanse máis para ceas de empresa"
Xa non se agarda a última hora para facer recollidos para a noite de fin de ano. Búscanse peiteados máis casuais e que sirvan para todo o día.
"O que máis piden é a onda surfeira natural que valga para unha comida e enlazar coa noite", explica Moreda.
Gil enfactiza que "As ondas en todas a s súas versións son tendencia e os semirecollidos para as que van máis arregladas"
Tamén os tratamentos triunfan para lucir mellor nos encontros con amigos e familiares. Moitos centros xa teñen as axendas practicamente completas, pero multiplican esforzos para atender todas as peticións nestas datas.