Caamaño anuncia que as obras do Centro de Protonterapia acabarán en febreiro
O do Sergas é o primeiro centro destas características en España, cun investimento global que supera os 60 millóns de euros
As obras do futuro centro atópanse moi avanzadas, con máis do 91 % de execución
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou este mércores que as obras do futuro Centro de Protonterapia de Galicia, situado en Santiago, estarán completamente finalizadas o próximo mes de febreiro.
Así, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) converterase na referencia no tratamento oncolóxico coa terapia de protóns para toda España.
Durante a súa intervención nunha pregunta parlamentaria, Gómez Caamaño incidiu en que este ambicioso proxecto situará Galicia na vangarda da medicina oncolóxica de precisión, achegando á sanidade pública o primeiro centro destas características en España.
Tras a chegada dos distintos compoñentes do equipamento, que comezou o pasado mes de novembro, este proxecto entrou na súa fase final, centrada na instalación e posta a punto da tecnoloxía de protonterapia.
Trátase dun proceso altamente especializado que se prolongará cerca de 12 meses, momento en que o novo centro será entregado ao Servizo Galego de Saúde.
Durante o tempo no que se desenvolve a última fase do proxecto, levarán a cabo tarefas de montaxe, calibración e probas técnicas imprescindibles para garantir a máxima precisión e seguridade dos tratamentos.
En paralelo, tamén se realizará a formación específica do persoal, con cursos previos e estancias en centros de protonterapia, que deberán finalizar no primeiro semestre de 2026.
Actualmente, as obras do futuro centro atópanse moi avanzadas, con máis do 91 % de execución, sendo o centro galego o máis adiantado dos nove que se están construíndo en España.
A construción deste centro e a dotación do seu equipamento supoñen un investimento global superior aos 60 millóns de euros.