Galicia conta con máis de 300 festas para exaltar os seus produtos gastronómicos
A cociña galega converteuse nun motor de atracción de visitantes
Noia enxalza esta fin de semana o seu marisco estrela: o berberecho
A excelencia da gastronomía galega é un valor engadido ao noso patrimonio natural e cultural, e atrae visitantes fóra das épocas do ano con maior afluencia, como o verán.
Somos xente que celebra arredor dunha mesa ben provista e boa mostra son as 330 festas gastronómicas que se organizan cada ano, nas que se ofrecen a mantenta os mellores produtos do mar ou do agro e que son parada obrigada para moitos.
Dende o cocido de Lalín ata o polbo do Carballiño, os melindres en Melide ou o bonito de Burela. Hai para todos os gustos e en calquera época do ano. Esta fin de semana tocoulle ao produto estrela da ría de Noia, o berberecho.
"Fomentas o berberecho a escala galega. Por cinco euros podes gozar de racións de empanada de millo, de trigo ou dun arroz saborosísimo", explica Santiago Cruz, o patrón maior da confraría de Noia.
"Empanada de berberechos de trigo e de millo. Moi boa".
"O berberecho e o arroz está boísimo".
Cada temporada trae produtos cos que facer maxia na cociña e en cada comarca descubrimos elaboracións diferentes para sacarlles o mellor partido. Dende a cociña tradicional ata a de vangarda, a nosa comunidade ofrece unha viaxe para o padal con tantas paradas como queiramos imaxinar.