Publicador de contidos

Publicador de contidos

A aldea do Sisto, en Forcarei, presume de esculturas e de volver á vida

A aldea do Sisto, en Forcarei, presume de esculturas e de volver á vida

O escultor Xesús Méndez Padín colabora no renacer da aldea con dúas tallas

G24.gal 05/07/2025 14:51 Última actualización 05/07/2025 15:04

O escultor Xesús Méndez Padín vólvelles dar vida a dous cedros que houbo que cortar na aldea do Sisto, en Forcarei.

"Como é un camiño alternativo ao Camiño Portugués e pasan peregrinos, pensamos en facer uns peregrinos", explica o artista.

As tallas, creadas cos troncos na súa localización orixinal, encargoullas a asociación de veciños creada hai seis anos no lugar para recuperar a aldea.

"É unha aldea, como toda a zona de Terra de Montes, de emigración. Entón aquí quedaba xente moi maior que foi morrendo e só había tres veciños. Estaba feito unha silveira. Non se podía andar", conta Jesús Otero Campos, presidente da Asociación de Veciños do Sisto.

Hoxe hai máis dunha ducia de casas rehabilitadas ou en rehabilitación. Emigrantes orixinarios do lugar axudan economicamente a volver poñer a aldea no mapa.

"Para pagar licenzas, para todas as xestións que implican cartos", expón Jesús Otero.

O Sisto aínda ten memoria viva dos seus tempos de apoxeo, a memoria de Concha, que naceu aquí hai case 97 anos e está encanta de volver á súa casa rehabilitada.

"É onde nacín, onde fun á escola, onde me criei, onde casei, onde me bauticei, e non vou estar contenta?", pregunta retoricamente Concha.

Algunhas casas mercáronas foráneos. A antiga escola, por exemplo, estaa rehabilitando como vivenda un irlandés de orixe surafricana. Ás veces aparecen máis interesados en comprar, pero nestes momentos non hai ningunha á venda.

"É certo que quedan algunhas por rehabilitar pero non as queren vender e iso loxicamente é porque pretenden a súa rehabilitación", deduce o presidente da asociación de veciños.

O escultor segue dando forma ás súas creacións á entrada da aldea, motivado en boa medida polo ánimo de resurrección do lugar.

"Quizais sexa a parte do proxecto que me resultou máis atractiva, poñer en valor unha aldea da España baleirada que estaba practicamente despoboada", afirma Xesús Méndez Padín.

O acto de presentación dos peregrinos do Sisto está previsto para o once de xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade