Marcos Mariño, o escultor que triunfa internacionalmente tallando madeira con motoserra
Dende o seu taller de Arcade, viaxa constantemente a outros países para competir
Marcos Mariño é un escultor que traballa a madeira. Velo en acción resulta espectacular porque a ferramenta que emprega é a motoserra. Sorprende o nivel de detalle que chega a alcanzar con ela, e impresiona a velocidade coa que consegue rematar unha peza.
Eran as sete menos cuarto pasadas cando o escultor colleu a motoserra e foi a por este tronco de piñeiro. Fainos unha demostración de velocidade, disciplina na que adoita competir. E vaia velocidade. Xa tiña feita unha garza ás sete en punto. Non pasaran nin quince minutos.
Tras estudar escultura en Santiago, Marcos Mariño comezou hai arredor de dez anos coa motoserra. Daquela, non había ninguén en España que se dedicase a iso. Hoxe, conta, escultores con nivel de competición debe de haber só outros dous.
Dende o seu taller de Arcade viaxa a outros países constantemente. O ano pasado gañou o Eibau, un certame con medio cento de escultores. Pero aínda dubida cando se lle pregunta se se considera artista.