Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia recibe as esculturas de Carboeiro, coas que regresa "un anaco esencial do seu legado medieval"

Galicia recibe as esculturas de Carboeiro, coas que regresa "un anaco esencial do seu legado medieval"

O conselleiro de Cultura eloxiou o proceso "realmente sinxelo" para lograr este paso e agradeceu a colaboración do Concello de Barcelona e do Museo Marés, que custodiaba as pezas

Polo de agora quedarán expostas no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, coa vista posta no seu retorno á súa localización orixinal

Segundo o investigador Francisco Prado-Vilar, "son fundamentais porque pertencen á contorna do taller do Mestre Mateo"

Xunta de Galicia Xunta de Galicia
G24.gal 20/02/2026 12:53 Última actualización 20/02/2026 14:00

Numerosos representantes de entidades culturais, sociais e políticas congregáronse ás portas do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela para dar a benvida este venres a dúas pezas espoliadas hai case 70 anos en Galicia, as esculturas do pórtico do Mosteiro de Carboeiro, que regresan grazas a un acordo entre a Xunta e o Concello de Barcelona e coas que volve tamén "un anaco esencial do legado medieval" da comunidade.

Así o resumiu durante o acto oficial a directora do Museo das Peregrinacións, Esperanza Gigirey, unha institución que, polo momento, custodiará e expoñerá estas "dúas obras de incalculable valor histórico" que son, ademais, "testemuño dun pasado artístico excepcional".

Trátase, en palabras do conselleiro de Cultura, José López Campos, "dunha cuestión de xustiza que era necesario resolver", a restitución destas pezas medievais ao seu lugar de orixe, Galicia, aínda que coa vista posta a que poidan regresar tamén a Carboeiro.

O mandatario galego eloxiou o proceso "realmente sinxelo" polo que se logrou este paso e polo que agradeceu a súa colaboración tanto ao Concello de Barcelona como ao Museo Marés, que custodiaba as pezas. Tamén tivo palabras para o actual conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que iniciou este proceso cando ocupaba responsabilidades en Cultura.

"O obxectivo era que as estatuas de Carboeiro volvesen para Galicia, e imos poder gozar delas durante, como mínimo, 20 anos", resumiu López Campos, que confiou en que este acordo "abra a porta" a futuras colaboracións para recuperar "moitas pezas que no seu momento foron espoliadas e que están distribuídas polos museos do mundo".

Trátase de dúas pezas escultóricas que se podían ver ata o de agora no museo barcelonés, institución que adquiriu en 1980 a propiedade das mesmas de mans dun coleccionista privado, informaron desde o Concello de Barcelona nun comunicado.

O acordo institucional permite o retorno destas dúas figuras a Galicia mediante un préstamo de longa duración de dez anos, prorrogable por dez máis.

Unha "relación exemplar"

Na mesma liña pronunciouse a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que deu os parabéns a todos os implicados neste acordo e contrapúxoo ao "longo periplo xudicial" para recuperar as estatuas do Mestre Mateo que estaban en mans da familia Franco. "Podemos comparar os dous procesos", dixo, por unha banda unha reclamación xudicial "para poder recuperalas á forza" e, por outro, "unha relación exemplar entre administracións e en colaboración co museo que as ten en propiedade".

En consecuencia, a alcaldesa confiou en que isto "marque o futuro" e "sirva de exemplo" para "recuperar outras pezas" na mesma situación, como é o caso das columnas do altar do Apóstolo, que están no Museo Arqueolóxico Nacional.

No acto participou tamén o concelleiro de Cultura e Industrias Creativas do Concello de Barcelona, Xavier Marcé, que remarcou a "vontade de colaboración" entre administracións para "facer xustiza" e que as esculturas puidesen estar no seu "lugar de orixe".

"Que teñan representación no seu lugar de orixe, que mellor acto de xustiza á súa historia", dixo Marcé, que expresou o seu desexo de que, no seu momento, poidan volver tamén a Silleda, ao propio mosteiro que as viu nacer e confiou en que este proceso "sirva de exemplo doutras situacións similares".

Roubadas durante o franquismo

As pezas románicas, un Cristo en Maxestade e unha talla con símbolos dos evanxelistas San Lucas e San Xoán, pertencían orixinalmente ao tímpano da fachada principal do mosteiro beneditino de Carboeiro, un ben patrimonial que durante o século XX sufriu "importantes espolios", ata o nivel de que, actualmente, reste nel moi pouca escultura.

As pezas foron subtraídas durante o franquismo, concretamente no ano 1957, segundo puido trazar o investigador Francisco Prado-Vilar, artífice documental de que estas esculturas puidesen regresar a Galicia.

O seu traballo, tal e como narrou este venres aos medios, tivo como parte central demostrar en que momento foran subtraídas estas esculturas. "Sabíase que estaban en Barcelona, pero non había constancia exactamente de cando foran roubadas do mosteiro, e iso é fundamental". A clave estivo na denuncia pola subtracción, que data de 1957, isto é, despois de que Carboeiro fose declarado Monumento Nacional, en 1931.

"Como tal, estaba protexido desde ese momento e non podía quitarse ningún elemento arquitectónico do conxunto", contou Prado-Vilar, indicado que, calquera transacción posterior a esa data, "sería declarada inmediatamente ilegal". A rastrexabilidade histórica das pezas, igual que no caso das de Abraham e Isaac, foi esencial no proceso.

Que poidan regresar a Carboeiro

Para o investigador, o regreso a Galicia destas pezas é "unha ocasión histórica", tendo en conta que o Mosteiro de Carboeiro é "un dos principais monumentos relacionados coa Catedral de Santiago e a obra do Mestre Mateo", que actualmente ten "o contexto arquitectónico" pero "moi pouca escultura".

"A súa recuperación é fundamental para o patrimonio de Galicia", dixo Francisco Prado-Vilar, que viu esta situación "un paso para unha volta definitiva a Galicia" e advertiu que as pezas "non deben de saír outra vez" da Comunidade. Como fin, confiou en que, o un futuro, poidan regresar a Carboeiro dentro dun proxecto museográfico adecuado.

As pezas, destacou o investigador, "son fundamentais porque pertencen á contorna do taller do Mestre Mateo" e, aínda que máis pequenas que as recuperadas de Abraham e Isaac do Pórtico da Catedral, son "preciosas desde o punto de vista estilístico".

Do mesmo xeito que no seu discurso mencionou a alcaldesa, o investigador tamén confiou en que este tipo de accións abran a porta á restitución doutras pezas alleadas, como é o caso das columnas románicas do primitivo altar da Catedral de Santiago, dúas das cales se sitúan no Museo Arqueolóxico de Madrid.

"Adquiríronse en 1930 por parte do Estado e, nese momento de centralización, as pezas ían sempre aos museos de Madrid", apuntou Prado-Vilar, confiando en que a política actual, "descentralizadora", poida devolvelas a un museo galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade