A Xunta traslada a Europa as demandas sobre o Corredor Atlántico
Diego Calvo insistiu ante a UE na necesidade de "axilizar" alta velocidade co Porto
O conselleiro reiterou a invitación da Xunta ao coordinador do Corredor Atlántico para visitar Galicia
Diego Calvo reunido con Julie Buy, conselleira do coordinador europeo do Corredor Atlántico (Imaxe: Xunta de Galicia)
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse este venres con Julie Buy, conselleira do coordinador europeo do Corredor Atlántico, François Bausch, para abordar as demandas de Galicia en relación co Corredor Atlántico.
Calvo aproveitou para reiterar a invitación ao coordinador do Corredor Atlántico para visitar Galicia, "coñecer sobre o terreo a realidade e comprender a importancia de conectar debidamente a fachada atlántica para o desenvolvemento e futuro da comunidade e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal". A Xunta espera que poida materializarse neste ano.
O conselleiro referiuse á reunión deste venres como "moi satisfactoria" e agradeceu a receptividade da conselleira Julie Buy para coñecer e trasladar as necesidades galegas no ámbito da mobilidade.
No encontro, no que tamén estiveron a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, Calvo insistiu na urxencia de coñecer os datos sobre o avance das obras e proxectos vinculados á rede, así como de ter acceso ao Plan director co detalle das actuacións, investimentos e calendarios, e onde se inclúa, ademais, unha coordinación con Portugal.
Para o conselleiro, ter esta información é fundamental, de aí as reiteradas peticións realizadas por parte do Executivo que dirixe Alfonso Rueda ao Goberno central neste sentido.
"Unha prioridade absoluta"
Diego Calvo incidiu tamén na demanda dunha "integración plena de Galicia no corredor" e na necesidade de contar cun plan de traballo que "dea prioridade" ao ramal noroeste, do que se pide o recoñecemento europeo do seu carácter estratéxico para instar o Goberno de España ao seu impulso.
Nesta liña, apuntou que para Galicia é "unha prioridade absoluta" o desenvolvemento no seu territorio desta rede, como "ferramenta para potenciar ao máximo as oportunidades da súa posición xeográfica estratéxica, as capacidades loxísticas e as relacións con Portugal e Iberoamérica".
Alta velocidade
Entre as demandas concretas nas que vén insistindo a Xunta, o conselleiro destacou as obras de alta velocidade pendentes, en especial a da conexión entre Vigo e O Porto.
Segundo subliñou, a situación actual, con "atrasos continuos por parte do Ministerio no proxecto da saída sur de Vigo, faría inviable a finalización das obras polo menos ata 2038", xa que habería que engadir o tramo entre O Porriño e a fronteira lusa e a negociación para construír unha nova ponte internacional.
Tamén se referiu aos tramos pendentes na conexión entre Galicia e Madrid, nos que "hai que completar a dobre vía para unha maior eficiencia, capacidade, velocidade e fiabilidade".
A variante de Ourense é outra das obras necesarias para mellorar a alta velocidade neste eixo, xa que é, segundo a Xunta, "clave" para evitar "o risco de saturación" que provoca a actual entrada a Ourense pola súa sinuosidade e limitacións de velocidade.
Nesta liña, Calvo reiterou tamén a necesidade de "substituír o ancho ibérico, presente en máis do 80 % da rede galega, polo estándar internacional requirido pola Unión Europea para garantir a interoperabilidade". Para o conselleiro, esta mellora é especialmente necesaria no tramo de Ourense a Santiago, onde xa están as travesas preparadas.