Máis de cen persoas afondan no coñecemento da ría de Ribadeo
Celébranse esta fin de semana unhas xornadas para que veciños e visitantes teñan unha visión máis completa da zona
Un cento de persoas participan dende o xoves nas primeiras Xornadas Arredor da Ría de Ribadeo, un evento orientado a afondar no coñecemento desta ría para promocionar, así, o seu coidado.
Durante catro días os participantes poden ter outros prismas do concello e da ría, xa que se ofrecen xeo-rutas, visitas guiadas por distintas etapas históricas que viviu a vila, charlas sobre arqueoloxía subacuática ou degustacións de produtos do mar.
Tras esta xornada agóchase o interese en dar a coñecer a riqueza biolóxica, paisaxística e cultural da zona, algo que hai que "protexer e incentivar", entre outras medidas cun turismo respectuoso co medio, segundo nos comentou a concelleira de Cultura de Ribadeo Begoña Sanjurjo.