A lista de espera para visitar o antigo cine Fraga de Vigo chega xa a abril de 2026
Comezan os percorridos guiados polo edificio antes de que se retomen as obras para a súa reforma
Vinte e catro anos despois, o público volve atravesar a porta do histórico cine Fraga de Vigo. A Xunta e a Deputación de Pontevedra abren as visitas guiadas ao edificio antes de retomar as obras para a súa reforma.
O Fraga, inaugurado en 1948, pechou en 2001 e foi adquirido pola antiga Caixa Galicia coa idea de establecer un centro cultural na cidade. O arquitecto César Portela iniciou un proxecto de rehabilitación pero os traballos quedaron parados durante anos. Ao final, a Xunta e a Deputación acabaron por mercarlle o edificio a Abanca.
"Xa hai lista de espera e a última cita está no seis de abril de 2026", revela a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez.
"Queremos converter o Teatro Cine Fraga nese gran referente da cultura, non só en Vigo, senón no norte da Península e para iso quedan uns meses de traballo", explica o conselleiro de Cultura, José López Campos.
O plan é aproveitar parte do que xa está feito, como o antigo patio de butacas, un grande auditorio que se volverá usar como sala de artes escénicas. Ademais, haberá unha zona de exposicións e espazos para a promoción do talento cultural. A previsión é que as obras se retomen a finais de 2026.
Volta a casa
Marisén, a neta de Isaac Fraga, foi unha das invitadas á primeira visita guiada ao antigo cine. Para ela foi volver a casa. Non é ficción, naceu no propio edificio cando o empresario tiña unha vivenda na parte alta. A muller di que volver entrar alí foi un xeito de recuperar "o paraíso perdido" da infancia pero, ademais, pide que no futuro se recupere o valor cultural que tivo o Fraga, onde milleiros e milleiros de persoas aprenderon valores e xeitos de relacionarse a través das películas.