Publicador de contidos

Publicador de contidos

Oliver Laxe: "Despois desta viaxe, síntome máis galego ca nunca"

Oliver Laxe: "Despois desta viaxe, síntome máis galego ca nunca"

O director, que vai participar na gala dos Óscar, asegura ser máis consciente das súas raíces cando sae fóra

Pensa que Hollywood lle aporta lexitimidade: "Ven en min un cineasta serio, un artista con futuro e queren máis"

Nunha entrevista para a TVG, considera que fai un cinema "moi galego", ambiguo, aberto e circular 

Oliver Laxe nun momento da entrevista
G24.gal 14/03/2026 08:55 Última actualización 14/03/2026 18:05

O cineasta Oliver Laxe di sentirse "máis galego ca nunca" en Hollywood, onde vai participar na gala dos Óscar con Sirato seu último traballo que non deixa de apañar éxitos.

Despois dun longo periplo polos principais certames nacionais e internacionais, o filme aspira a dous premios nas categorías de mellor película internacional e de mellor son.

Nunha entrevista para a TVG, o director franco-galego asegura estar moi contento de todo o camiño percorrido.

"É moita ledicia que o teu traballo teña este recoñecemento. Comezar en Cannes e dez veces despois rematar aquí... Non, ollo, que rematamos dentro dunha semana nos Mestre Mateo, que aproveito para dicir que é a primeira vez que se fan en Lugo".

Considera que os EUA é un país con grandes contradicións pero con "moita xente brillante" e que a súa presenza en Hollywood lle achega, sobre todo, "lexitimidade". 

"Aquí a xente ten olfacto. Ven en min un cineasta serio, un artista con futuro e queren máis". 

Tenta seguir sendo el mesmo, sen se deixar abraiar pola alfombra vermella, e pensa que detrás da aparente vaidade do cinema estadounidense "hai xente honesta".

"A verdade é que eu intento ser o mesmo. Cada pase da película que se fixo aquí -fixéronse moitísimas- cada debate que hai, falo das mesmas cousas, do que a min me parece importante (...) A xente ve na tele a alfombra vermella, os modeliños, toda esa aparente vaidade, pero logo detrás hai xente honesta, grandes artesáns, grandes cineastas, xente sensible, xente que busca, que se mira...".

Respecto ao panorama audiovisual galego, amósase convencido de que hai moitos cineastas honestos que teñen "toda a lexitimidade do mundo". 

"O importante é que sexan honestos. O meu camiño lévame aquí, a estar nos Óscar pero hai outros camiños. Hai moito cineasta galego tamén moi honesto que ten toda a lexitimidade do mundo. Tócame a min pasar por aquí polo tipo de cinema que fago, pero creo que cada cineasta ten que mirar dentro e tentar falar co corazón o máximo que poida".

Laxe, que fixou a súa residencia en Vilela, unha aldea de Navia de Suarna, declárase feliz de seguir a reafirmar a súa galeguidade con cada paso. Segundo o creador, cando alguén sae fóra é máis consciente das súas raíces.

"Eu diría que despois desta viaxe, que me levou primeiro a Cannes, logo por todo o mundo, moito aos EUA e despois volvín puntualmente a España para os diferentes premios... eu diría que me sinto máis galego ca nunca. É algo moi típico da cultura galega. Eu xa me sentía ultragalego, pero cando saes fóra te das máis de conta das túas raíces, das túas esencias, de onde pertences".

Ademais, reivindica o seu traballo coma un cinema "moi galego".

"Mira fíxate, o meu cinema é moi ambiguo coma os galegos, creo que é un cinema moi galego, moi aberto, a maneira que teñen de falar... moi circular, non? E estou contento de seguir afirmándome na miña galeguidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade