Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sesenta restaurantes do Carballiño e a comarca do Ribeiro inclúen nas súas cartas as receitas do Proxecto Sabedoras

Sesenta restaurantes do Carballiño e a comarca do Ribeiro inclúen nas súas cartas as receitas do Proxecto Sabedoras

É unha recompilación de receitas tradicionais que se cociñaba nas casas ou nos restaurantes

G24.gal 19/05/2026 19:03 Última actualización 19/05/2026 21:20

"O das Sabedoras é un proxecto moi bonito. É unha recompilación de receitas tradicionais que se cociñaba nas casas, nos restaurantes. é unha homenaxe tamén a todas esas señoras que cociñaban, que non tiñan moita visibilidade. Pero espero que con esto se sintan contentas e recoñecidas." Di Amparo Domínguez Prado do Restaurante Casa Valerías. 

Carmen é unha desas sabedoras. Ela é de Cernadas, en Avión, e cumpre 92 anos o próximo mes de xaneiro. Di que esquece algunhas cousas, pero non semella que as receitas sexan unha delas. Hoxe prepara unha desas sobremesas de toda a vida: as tostas de viño.

"Botas o viño nunha potiña con azucre e férvese e vaise revolvendo para que se desfaga o azucre e despois móllanse e van a tixola. Por riba despois levan o azucre." Explica Carmen Sampedro Fernández.

No proxecto participan sesenta restaurantes do Carballiño e da comarca do Ribeiro, e quere ser unha porta aberta ao coñecemento de mulleres que como Carmen levan toda unha vida entre fogóns.

"Fun cociñeira de sempre en todos os lados que ía traballar tocábame facer de comer tamén, e como lles sabía ben seguíanme a mandar a facer comida".

Amparo inclúe esta sobremesa na carta do seu restaurante, convencida da necesidade de conservar e transmitir nos seus pratos os sabores da cociña tradicional. Tal e coma sempre fixeron as sabedoras.

" En cada zona pois tamén, segundo a materia prima que teñan. Na zona da Arnoia pois o mellor son os pementos, noutro sitio as anguías, noutro sitio o cocido, que ese creo que era en todas partes. Pero utilizaban tamén o que tiñan, o produto de proximidade. Un guiso cunha carne e unhas patacas pois era na tempada que había cenorias e pementos, pois tamén se incluía na receita. Entón, eso é o bonito da cociña tradiconal".

A idea é que o proxecto siga medrando cunha nova guía e con máis restaurantes e mulleres dispostas a compartir a súa sabedoría.

" Non se lle pode dar voz a todas, nin unha foto de todas, pero as que sexan, representan a todas as nais, avoas, tías, todo..."

Un legado que permaneza na memoria e no padal, con cada bocado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade