Publicador de contidos

Publicador de contidos

Restaurantes pechados para que os traballadores gocen do partido

Restaurantes pechados para que os traballadores gocen do partido

Unha cadea de parrilladas arxentinas decidiu pechar esta tarde os seus establecementos para poder gozar da final

Entre o persoal hai arxentinos, galegos, fillos de arxentinos e traballadores doutras nacionalidades que celebrarán calquera resultado

G24.gal 19/07/2026 21:46 Última actualización 19/07/2026 23:44

Unha cadea de restaurantes decidiu darlles a tarde libre aos seus traballadores para que poidan ver o partido cos seus seres queridos. Son arxentinos que xa levan moitos anos en Galicia, co corazón e a familia dividida, e queren que toda a súa xente poida recordar esta final independentemente do resultado. 

Entre camisetas rivais e acentos galego-arxentinos os traballadores do Milongas apuran a recoller as mesas do xantar porque a xornada remata ás seis. Non é un domingo calquera, nin o luns será un día normal. 

"Decidimos pechar todos os locais que temos en Galicia para que os 200 traballadores poidan gozar do partido coa súa familia e amigos, ou que vaian aos lugares onde hai pantallas xigantes, pero que estean cos seres queridos. Eu aínda recordo onde estiven con nove anos no Mundial de 1986, con meus pais e avós, e iso é o imparte", explica José Rivas, propietario do Milongas.

José Rivas, o propietario chegou desde a Arxentina hai 26 anos, neto de galegos emigrados. Sabe o que supón unha data coma esta nunha familia de sangue mesturado. 

"Temos o corazón partido porque eu son a xeración que volvemos, pero xa temos descendentes e os meus fillos xa naceron aquí", di Rivas

O país de orixe acorda máis nos traballadores que chegaron hai pouco. Nas segundas xeracións a cousa está repartida pero calquera resultado será bo. 

"Eu non sei moito de fútbol pero cada catro anos hai que estar, pero... Vamos Arxentina!", anima Pilar, unha moza que chegou hai tres anos de Arxentina. 

"Vou de cheo con España porque é o meu país, pero tamén teño cariño por Arxentina", di Martín, de pais arxentinos pero nacido en España

"O luns pase o que pase imos estar todos contentos, uns un pouquiño máis e outros un pouquiño menos pero todos contentos", asegura Rivas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade