Sergi Quintela lidera a reacción do Obradoiro no último cuarto
O equipo santiagués gañoulle a Palencia (87-83) o primeiro partido da serie dos cuartos de final do ascenso á ACB
O domingo veremos o segundo encontro na G2 e Agalega.gal
O Obradoiro levou o primeiro partido da serie de cuartos de final na fase de ascenso á ACB diante do Palencia (87-83). Un grande último cuarto do equipo santiagués, liderado por Sergi Quintela, permitiulle gañar un triunfo moi importante.
O primeiro cuarto deixounos o grande acerto dos dous equipos. Palencia, liderado por Kunkel, marchou de 11 puntos ao comezo (11-22) pero o Obradoiro soubo reaccionar para igualar o encontro (28-32). O segundo cuarto devolvía unha boa vantaxe ao equipo visitante (32-39). Os de Félix Alonso souberon agarrarse ao partido e coller unha mínima diferenza xusto antes do tempo de lecer (45-44).
Seguía indo a remolque o Obradoiro que non atopaba o xeito de mandar no marcador. O Palencia tiña a iniciativa e ao Obra tocáballe aguantar como podía (64-66). Decidiuse o enfrontamento no último cuarto grazas ao acerto de Quintela. Oito puntos seguidos do lugués permitiron o primeiro despegue do conxunto galego (74-69). A partir de aí, apareceron as estrelas Balvin e Brodzianski para deixar o encontro case decidido (83-74).
O Palencia reaccionou e a quince segundos do final púxose a dous puntos (85-83). Dous tiros libres de Barcello pechaban o encontro, e deixaban o primeiro punto da eliminatoria no marcador santiagués. A final four está un pouco máis preto. O segundo asalto, o domingo na G2 e AGalega.gal.