O Deportivo empata sen goles na segunda cita da pretemporada en Oviedo (0-0)
Aubameyang estreouse coma titular e gozou da mellor ocasión do equipo coruñés
O ex-xogador do Arenteiro Mingo estrelou un balón na escadra de Parreño
A peor noticia, as lesións de Alti e Ilyas Chaira
O Deportivo empatou sen goles no Tartiere diante do Oviedo, na segunda cita de pretemporada para os dous equipos, nun partido que tivo pouco ritmo e poucas ocasións.
Antonio Hidalgo dispuxo un once titular no que formaron tres das novas incorporacións do equipo: Amatucci, Asp Jensen e Aubameyang, que se estreaba unha semana despois de chegar á Coruña. Estivo moi activo, e protagonizou as accións de maior perigo na primeira metade. Primeiro, non chegou por pouco a un centro de Ximo, que tamén intentaba rematar Nsongo. Sacouno a córner Dani Calvo. Despois, un balón en profundidade permitiulle rematar diante de Narváez, pero o porteiro sacou un brazo para despexar. E, preto do descanso, outro remate seu saiu rexeitado a córner.
Desta volta, Hidalgo deixoulles aos titulares 60 minutos do partido, a excepción de Alti, que pediu o troco por problemas físicos mediada a primeira parte, e foi substituído por Luismi.
Na segunda parte mantívose o guión, e tamén logo do carrusel de trocos. Na última media hora xogou Terun, pero Bright Ede non estaba presente na convocatoria. Na porta xogou todo o partido Germán Parreño, deixando a Leo Román no banco canda Ferllo.
Na segunda metade a máis clara do Oviedo levou a signatura de Mingo. O Ex-xogador do Arenteiro sacou un remate desde o vértice da área que se estrelou na escadra. Por parte deportivista probou fortuna Samu nun rápido ataque, pero o seu remate rexeitouno co peito Narváez.
E así rematou o partido, sen goles en Oviedo. A seguinte cita, o mércores na Magdalena de Vilalba, e diante do Lugo, tamén ás 19:30h e en directo pola TVG.