Pontón asegura que o BNG "rexeita calquera tipo de violencia"
A portavoz nacional do BNG cre que o "99,99 %" manifestouse pacificamente e que non lle estrañaría que houbese "infiltrados de extrema dereita"
A portavoz nacional do BNG asegurou este xoves que a súa formación "rexeita calquera tipo de violencia" e criticou a "carga absolutamente desproporcionada e brutal" da Policía contra ás persoas que se manifestaban este mércores na Coruña contra un acto de Vox.
En declaracións aos medios nun acto político en Ordes, Ana Pontón lembrou que o BNG "o único que defende é o uso da palabra" e as "mobilizacións pacíficas". "E onte, na Coruña, o 99,99% da xente que estaba alí o que estaba era reclamando que non queremos que o fascismo nos roube dereitos", engadiu.
Pontón cuestionouse "como é posible que o Goberno que se dixo máis progresista da historia ordenase unha carga absolutamente desproporcionada e brutal contra esas miles de persoas que o único que estaban a dicir é que en Galicia non pasarán", persoas "antifascistas" que están "a loitar polos nosos dereitos e polas nosas liberdades".
A maiores, Ana Pontón preguntouse "quen está realmente detrás deses altercados". "Porque non me estrañaría nada que vísemos de novo a persoas infiltradas da extrema dereita provocando precisamente ese tipo de violencia".
Horas antes, Néstor Rego tamén se pronunciaba e defendía " o dereito a manifestarse" para expresar "o rexeitamento a forzas políticas que non son en absoluto democráticas". Confirmou tamén que pediron explicación á Delegación do Goberno polas cargas policiais deste xoves e asegura que a súa organización aposta pola "mobilización pacífica e democrática".