Rueda insta o BNG a condenar os altercados na Coruña e cuestiona o labor de Pedro Blanco
Defende a actuación dos antidisturbios na Coruña e apunta a Blanco: "Outra cousa é a dirección política"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que "os policías e forzas antidisturbios fixeron o seu traballo" na pasada xornada na Coruña, onde se rexistraron altercados por mor dunha visita do líder de Vox Santiago Abascal. "Outra cousa é a dirección política deses traballos", puntualizou, co foco no delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
De feito, aínda que non chegou a pedir a súa dimisión, preguntado de forma expresa tras participar nun acto en Santiago, si esgrimiu que Blanco debe profundar nas súas explicacións polo ocorrido na cidade herculina. Ao seu xuízo, o delegado do Goberno "terá que explicar cal foi a reacción, se realmente se puido facer algo para evitar eses altercados, ou se se puido facer máis".
Antes de atender os medios, na súa intervención no 'Encontro 40º aniversario Expansión Galicia', o presidente xa se referira aos altercados na Coruña, que definiu como "escenas non desexables" que "non merecen outra cousa que a condena". "Alá os que non son capaces de condenalo", esgrimiu, antes de rexeitar o uso da "violencia".
"Coidado con estas cousas", advertiu, crítico con quen, ao seu xuízo, fomentan que "se levanten muros". E, tras resaltar que en Galicia "non gustan os extremismos", aseverou que en democracia "hai un instrumento que son as eleccións".
"Preocupado" porque o BNG "non condene"
Nas súas declaracións posteriores, Rueda reiterou que lle "preocupa moitísimo" que haxa "partidos" que "non son capaces de condenar" os feitos deste mércores na Coruña, e afinou a quen se refería.
"Como os representantes do BNG, con todo tipo de filigranas dialécticas para non dicir que o condenan. Seguro que a inmensa maioría dos galegos pensamos que non pode ser", esgrimiu.
"En Galicia non somos así. En Galicia non queremos vivir así. Non temos esa intolerancia. Pódennos gustar máis ou menos determinados posicionamentos políticos, pero para iso están as urnas, para expresarse e creo que aquí, ata o de agora, somos un caso único en España", resaltou.
Nesta conxuntura, o presidente galego subliñou que é necesario "falar con claridade" para incidir en que "ese é o camiño" e que "utilizar a democracia para calquera cousa en democracia non é admisible". Baixo o seu punto de vista, "non ser capaces de dicilo claramente ou mesmo xustificalo veladamente retrata a moita xente".
"Preocúpame moitísimo, á parte da propia actitude das persoas que utilizan a violencia, que algúns partidos como o BNG non sexan capaces de novo de condenar iso claramente. Hai que facelo e espero que o fagan. Se non, retrataranse, e a xente coñeceraos cada vez máis", resolveu.