Os galegos da ACT non se adaptan a un esixente campo de regatas en Donosti
Cunhas condicións extremas de vento e ondas, Ares acabou no penúltimo posto e Chapela foi última a máis de tres minutos de Orio
Bermeo foi descualificada por deixar unha boia por estribor nunha xornada na que se suspendeu a regata feminina
O Club Remo de Ares e Chapela Wofco non se adaptaron a un campo de regatas moi esixente na Baía de Donosti. Con ondas de máis de dous metros e refachos de vento que superaron os cincuenta quilómetros á hora, os dous equipos galegos non conseguiron sacar a súa mellor remada e acabaron nos dous últimos postos da clasificación complicando as súas opcións de permanencia.
Ares rematou a 2:47 de Orio, o equipo gañador, e Chapela a 3:45, unha diferenza nunca antes vista na Liga ACT entre o primeiro e o último clasificados. Despois do acontecido é cada vez máis probable que os galegos se xoguen o posto de descenso directo e de play off para manterse na elite do remo.
Orio acadou a vitoria nunha xornada na que descatou o traballo de Hondarribia e na que Bermeo foi descualificada por deixar unha boia por estribor na segunda ceavoga.
As condicións eran especialmente duras ás 17:20 horas, cando tiña que comezar a regata feminina. A organización apostou pola disputa da proba pero nunha xuntanza entre directivos e adestradores os clubs decidiron non saír á auga e poñer así en perigo a súa integridade física.