O Ensino gaña a Copa Galicia diante do Baxi Ferrol (91-79)
As luguesas acadan o seu sexto título galego na pista da súa rival
A final da Copa Galicia volveu medir os grandes dominadores do baloncesto galego nos útlimos anos, nun pavillón da Malata vestido de gala.
A rondalla ferrolá Só Elas interpretou o himno previo ao enfrontamento entre o Ensino de Lugo e o Universitario Ferrol. Dous equipos en construcción. Cos mesmos adestradores que a temporada pasada, Suso Garrido e Lino López, pero con moitas caras novas que conxuntar.
A Eurocup na que participarán ámbolos dous obriga a ter máis avanzado o traballo ao cadro ferrolán, porque en 12 días ten que xogar co Beroe búlgaro, na fase previa, da que está exento o lucense.
Será por iso que entrou mellor no partido, aproveitou os erros rivais e mantívose por diante ao longo da primeira metade. Iso si, sen conseguir sacarlle ao Ensino máis de 7 puntos, diferenza máxima, e tan só 2 puntos arriba nun descanso ao que chegaron cun axustado 52 a 54 a favor das de Lino López.
Pero todo mudou tralo descanso. O cadro lucense reapareceu para impoñerse na pista cun parcial de 10 a 0 que rachou o partido.
A resistencia do Baxi pouco puido facer ante o dominio das de Suso GArrido e o acerto anotador de xogadoras como Andrea Vilaró ou Cristy Williams, capaz de converter triplas como para poñer ao seu equipo 13 arriba antes do último cuarto.
Vantaxe dabondo para asegurar a vitoria final por 91 a 79.
Kristy Williams recibiu o premio como mellor xogadora, converteu 22 puntos. No Baxi destacaron Claire Melia e Sidney Shaw con cadanseus 14 puntos.
Acadou así o Ensino a súa sexta Copa Galicia. Reforzo para o novo proxecto que prepara a liga, e a Eurocup, na qe debutará dentro dun mes ante o Montpellier.