Publicador de contidos
Publicador de contidos

A estación intermodal de Ourense non conta con marquesiña para viaxeiros e taxistas

A estación intermodal de Ourense non conta con marquesiña para viaxeiros e taxistas

A Xunta e o concello solicitaron ao Adif a instalación desta protección, necesaria sobre todo cando cheguen os días de calor

G24.gal 15/05/2024 14:31

É unha vella reivindicación dos taxistas de Ourense. A instalación dunha marquesiña nos exteriores da estación intermodal. Din que tanto eles como os viaxeiros se ven obrigados a agardar baixo a chuvia ou a pleno sol sen ter onde guarecerse. Xa foi solicitada tanto pola Xunta como polo Concello, sen que polo de agora se lles dera unha solución por parte do Adif.

Achégase o verán e os taxistas da estación intermodal de Ourense saben que un ano máis tanto a eles coma os viaxeiros vailles tocar esperar a intemperie. 

"Eu intentarei vir o menos posible téñoo clarísimo, se me podo ir a outra parada voume ir, e coma min máis compañeiros porque é insufrible isto, estar a corenta graos".

Reclámanlle ao Adif a instalación dunha marquesiña que protexa os viaxeiros das inclemencias do tempo e que evite que eles teñan que agardar dentro do seu taxi. Din que as esperas son longas as veces pola falta de espazo na estación e gran cantidade de coches que se concentra aquí nas horas punta.

"Entre os taxis, os peóns e os familiares dos viaxeiros que os veñen deixar aquí, isto é un caos".

Tanto a Xunta como o concello reclamáronlle ao Adif a instalación dunha marquesiña aínda que fora provisional.

"Din que de momento mentres non fagan a estación nova non van investir nada. A estación nova aínda está en proxecto, así que os viaxeiros terán que seguir agardando e nós tamén, claro".

Dende o concello apuntan que o motivo esgrimido polo Adif é que a entidade, polos seus tempos burocráticos, tardaría non menos de 2 anos en rematar a obra. Como os traballos de construción da nova estación de tren comezarán en poucos meses, o Adif entende que non procede que nin eles nin o Concello constrúan a marquesiña. Taxistas e viaxeiros seguirán polo de agora agardando á intemperie. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade