A circunvalación norte de Ourense, que debía comezar a facerse hai case un ano, non avanza
O primeiro tramo en execución ten 1,7 quilómetros e un presuposto de 29,3 millóns de euros
As obras inauguráronse en setembro de 2022 e terían que estar rematadas en 2025
O proxecto do primeiro tramo da circunvalación norte de Ourense, entre Eirasvedras e Quintela, comezou a trazarse xa en 2015, pero non foi ata o ano pasado cando se adxudicaron e se iniciaron as obras. E dende entón, setembro de 2022, poucos avances houbo.
"Estiveron tirando varias casas, pero maquinaria non vimos ningunha" di un veciño. "Non se ve xente traballando, imaxino que empezarán cando pase a vaga de calor" afirma outro, tirando de retranca.
O tramo previsto é de menos de 2 quilómetros, e ten un presuposto de algo máis de 29 millóns de euros. En Quintela conectará coa futura autovía a Lugo, a A-56.
O proxecto da circunvalación ten un prazo de execución previsto de 30 meses, co que debera estar rematada en 2025.